As Cámaras da Coruña e Santiago e o Banco Santander lanzan a 9ª edición do Premio Peme do Ano da provincia
luns, 24 de febreiro do 2025
O Banco Santander, a Cámara de Comercio da Coruña e a Cámara de Santiago de Compostela convocan, en colaboración coa Cámara de España e o diario La Voz de Galicia, a novena edición do Premio Peme do Ano. O obxectivo deste certame é recoñecer “o labor das pequenas e medianas empresas como xeradoras de riqueza e creadoras de emprego no desempeño do seu labor cotián”. Tamén o empuxe transformador.
O prazo de presentación de candidaturas para o premio 2025 comezou o 19 de febreiro e pecharase ás 20.00 horas (hora peninsular) do próximo 2 de abril.
A esta nova convocatoria poden concorrer todas as pequenas e medianas empresas da provincia con menos de 250 empregados e cunha facturación inferior aos 50 millóns de euros ao peche do exercicio 2024 que teñan a sede social na provincia da Coruña.
Ademais da elección da Peme do Ano, o xurado poderá conceder, catro accésits nas categorías de Internacionalización, Innovación e Dixitalización, Formación e Emprego e Peme Sostíbel.
A empresa gañadora concorrerá ao Premio Nacional Peme do Ano 2025, que se fallará no primeiro trimestre de 2026. Igualmente, as empresas gañadoras dos diferentes accésits concorrerán ao Premio Nacional nas súas respectivas categorías.
As empresas interesadas deberán encher o formulario de inscrición que atoparán nas páxinas web da Cámara de Comercio da Coruña e da Cámara de Santiago, onde tamén poden consultar as bases do concurso. O xurado valorará nas súas deliberacións méritos como a creación de emprego, con especial atención ao emprego indefinido; as accións de formación para os empregados; a internacionalización da empresa; as iniciativas de dixitalización e innovación, así como os proxectos sostíbeis nos que participaron.
As entidades organizadoras queren consolidar nesta 9ª edición o Premio Peme do Ano como “o galardón de referencia para as pequenas e medianas empresas españolas”. O ano pasado, oitava edición do Premio, inscribíronse un total de 1.639 empresas das 50 provincias e participaron 52 cámaras de comercio territoriais, 13 direccións territoriais do Banco Santander e as principais cabeceiras da prensa española. Desde 2017, ano do seu lanzamento, xa son 10.815 pemes que participaron neste certame.