As Distopías Cotiás da Coruña lévannos hoxe á cuestión da privacidade

luns, 17 de febreiro do 2020 Redacción

Este luns vaise celebrar no Centro Ágora a segunda edición da iniciativa Coruña Dixital (en colaboración coas Bibliotecas Municipais) Distopías Cotiás, un espazo de reflexión colectiva no que abordar o impacto das tecnoloxías, unha reflexión que será colectiva e que quere abranguer a participación de persoas de “calquera ámbito”, non só tecnolóxico.
Nesta segunda xeira de divulgación, que comeza ás 19.00 horas, convidarase a debater sobre as consecuencias que ten a proliferación de canles dixitais nas nosas vidas: o que somos agora coas TIC e o que deixamos polo camiño en materia de protección do noso.
Nesta ocasión María Cerviño, avogada en NoLegalTech, será a encargada de aclarar as moitas dúbidas que hai entorno á cuestión da privacidade, ao mesmo tempo que bota luz sobre os nosos dereitos en materia de información. María Cerviño tamén axudará aos participantes a localizar casos de abuso en relación cos datos e coa información persoal e allea (cada vez máis comprometida).
Máis sesións
Ao abeiro das Distopías, neste primeiro semestre de 2020 están previstas xa as seguintes datas, sempre ás 19h no espazo de conversa da Biblioteca Ágora: luns 17 de febreiro, luns 16 de marzo, luns 20 de abril e luns 18 de maio.
Para obter información puntual destas citas é preciso visitar a axenda de Coruña Dixital ou subscribirse no meetup da iniciativa, onde tamén se formalizan as inscricións.
Por último, informamos que existe a posibilidade de propoñer unha charla, para iso cómpre escribir a ola@distopiascotias.gal.

PUBLICIDADE