As Google Glass están de volta

martes, 18 de xullo do 2017 Marcus Fernández

Tras moitos meses facendo ruído o 19 de xaneiro de 2015 o programa Glass Explorer, que permitía introducirse no mundos das curiosas lentes de Google, botou o seu peche tras deixar claro que era un proxecto que tiña que madurar fóra da atención dos focos, considerándose todo un erro a súa grande exposición pero, aínda que para moitos foi un produto fracasado, realmente continuou a desenvolverse como unha ferramenta con usos profesionais que finalmente chega ao público como as Google Glass Enterprise Edition, trebello que busca servir como un accesorio de mans libres para traballadores de contornos tan variados como a fabricación, a loxística ou a sanidade.
Resulta que actualmente hai máis de 50 empresas que están a empregar a versión empresarial das Google Glass para axudar aos seus procesos de traballo, de xeito que os mecánicos non teñen que deterse para consultar un manual (podendo consultalo directamente nas lentes, ou incluso podendo recibir asistencia remota en vídeo), nas empresas de loxística poden escanear os paquetes con só mirar os seus códigos de barras (e así acceder á información dos mesmos) e incluso os doutores poden reducir o tempo destinado ás historias clínicas nas súas consultas.
Todo isto foi posible grazas a que nos últimos anos houbo toda unha serie de partners de Google desenvolvendo solucións ao redor de Google Glass, conseguindo que unha tecnoloxía que inicialmente parecía destinada ás masas atopase ámbitos de aplicación moito máis axeitados.
Esta última versión das Google Glass mellorou en autonomía (podendo funcionar tamén con batería externa para un uso prolongado), incrementou a resolución da súa cámara até os 8 Mpíxeles, actualizou o seu procesador por un máis rápido e incluso integrou un LED vermello para indicar cando está a gravar (para evitar así a intromisión na intimidade da xente, que con tanto reparo vía as Google Glass), contan con 2 GB de RAM, 32 GB de almacenamento, diversos sensores e o seu prezo é de 1.500 euros na súa versión con software limitado e 2.500 euros para a súa versión completa.

Vídeo no que podemos ver o uso de Google Glass nunha consulta médica

As Google Glass poden ser de grande utilidade en contornos industriais

PUBLICIDADE