As JAI 2025 serán un escaparate das tecnoloxías de automatización industrial máis avanzadas

martes, 21 de xaneiro do 2025 S. P.

O vindeiro mes de febreiro as JAI (Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial), celebrarán a súa décima edición na Escola de Enxeñería Industrial da UVigo co programa de conferencias e mesas redondas máis extenso da súa historia, con 70 relatores, o que se traduce en máis de 40 horas de relatorios. Así se fixo saber este martes 21 de xaneiro na presentación do programa, no que figura, entre outros/as, persoeiros tan coñecidos do sector como o doutor Diego González Rivas.
O programa desta edición, que se celebrará entre o 10 e o 14 de febreiro, está orientado á difusión formativa e informativa das tecnoloxías de automatización industrial máis innovadoras e avanzadas. As xornadas foron presentadas este martes na sede do Consorcio da Zona Franca de Vigo, nun acto no que participaron David Regades, delegado do Estado no Consorcio da Zona Franca da Vigo; Abel Caballero, alcalde de Vigo; Mónica Valderrama, vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais e José Ignacio Armesto, profesor do Departamento de Enxeñería de sistemas e automática e organizador das xornadas.
No evento estiveron presentes tamén os directores e directoras das escolas de enxeñería do Campus de Vigo así como representantes doutras entidades relacionadas co evento.
O delegado, David Regades, lembrou o apoio da cidade a estas xornadas desde os seus inicios e destacou que, neste tempo, as JAI convertéronse nun evento estratéxico, “unha aposta única promovida desde o eido científico, que sitúa a nosa cidade na vangarda da tecnoloxía, da innovación e da automatización industrial”. Regades puxo en valor a extensa colaboración que o Consorcio mantén coa UVigo, “o noso socio estratéxico”, co que se desenvolven proxectos “tan ambiciosos como o da fábrica de semi-condutores fotónicos”.
Pola súa banda, a vicerreitora Mónica Valderrama agradeceu a implicación de Concello e Zona Franca pero sobre todo salientou o enorme esforzo do profesor Armesto para organizar este evento, as súas estratexias de “colaboración e a súa capacidade de implicar ás persoas e ás empresas, ás veces de maneira case altruísta” para conseguir facer “florecer case da nada” un evento “tan potente como este”.
Finalmente, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, felicitou tamén ao profesor Armesto por estes 20 anos e 10 edicións das JAI e dixo que eventos como este, poñen á Universidade e á cidade no foco do debate, visibilizando o seu potencial transformador e, a este respecto, recoñeceu o potencial do programa de relatores para os cinco días, que cualificou como “monumental, algo que sucede en moi poucas cidades do mundo, xusto nun momento no que a telemática, a robótica e a IA comezan a cambiar a nosa sociedade e a nosa economía”.
70 relatores, 2.000 asistentes e un showroom con 40 expositores
Na presentación salientaron que “desde que estas xornadas bienais botaron a andar en abril de 2004, esta X edición será a máis multitudinaria”. Ademais dos 70 relatores e 40 horas de conferencias e mesas redondas, a organización espera contar con preto de 2.000 asistentes. O prazo de inscrición aínda non está pechado e as persoas interesadas poderán inscribirse ata o día previo á celebración, pero o profesor Ignacio Armesto espera que sexan ao redor de 2.000 as persoas que se rexistren para ver as conferencias en directo ou á carta.
Tampouco faltará o xa tradicional Showroom Industria 4.0, no que se darán cita as principais empresas do sector mostrando avances tecnolóxicos. En total serán 40 expositores, 20 o luns e martes e outros 20 entre mércores e xoves. Co cal, aos 2.000 asistentes previstos, haberá que sumar os visitantes a esta mostra, que non require inscrición, e á que adoita asistir o alumnado da EEI (ao redor de 1.500 estudantes), o profesorado (150) e moitos centros de FP que virán de visita co alumnado.
O encargado de presentar o programa foi o profesor Armesto, que detallou algúns dos temas que se van tratar nas conferencias, todos eles claves para a industria, como xemelgos dixitais, visión artificial con deep learning, mantemento preventivo e preditivo, dixitalización de procesos, intelixencia en robótica, produción flexíbel, robótica móbil, conectividade IT/OT, Intelixencia Artificial na planta industrial, detección e control de ameazas cibernéticas na industria, ciberseguridade industrial, eficiencia enerxética, automatización intelixente, inspiración biónica, IoT (Internet das Cousas), seguridade en máquinas, etc.
Ademais dos relatores, como explicaba Armesto, haberá varias mesas redondas. A primeira o martes pola tarde, sobre robótica, automatización e IA e as claves do futuro 5.0; a segunda o mércores tamén de tarde, sobre ciberseguridade industrial; e o xoves no mesmo horario sobre investigación en robótica, na que se darán cita catro catedráticos e investigadores de gran renome neste eido procedentes das universidades nacionais e internacionais.
En total, ao longo das cinco xornadas intervirán relatores procedentes de empresas e entidades como Kuka, o CTAG, Infranor, Innomoitcs, IFM, Rittal, Siemens, Robotnik, Red Eléctrica, Beckhoff, Festo, Hisparob, FINSA, Harting, Inprotech, Bosch Rexroth, Omron, Russula, Stellantis ou KPMG.
Entre os convidados máis relevantes, Armesto destacou a apertura a cargo de Eva Maneiro, alta directiva de Russula, empresa galega do sector do metal ou o catedrático e investigador Oussama Khatib, da Stanford University, quen abandeirou equipos de investigadores de robots submarinos con grande éxito e que impartirá a conferencia maxistral de peche. Tamén destacou a presenza do catedrático Bruno Siciliano, da Università degli Studi di Napoli Federico III, centrado ultimamente en robótica biomédica e a do doutor Diego González Rivas, cirurxián adxunto do Ernst Von Bergmann Hospital en Potsdam (Alemaña) e do Chest Disease Hospital en Kuwait e creador e actual director do programa de cirurxía videotoracoscópica Uniportal, no Xangai Pulmonary Hospital, na China.
Despregadura robótica para a inauguración
O acto de apertura contará coa presenza de tres robots de Unitree: Go2, Go2w e o bípedo G1, o que segundo Armesto é “un feito pioneiro xa que é o primeiro deste fabricante que está en España”. A eles sumaranse o Vision 60 de Ghost Robotics e os Rs e WallE que adoitan estar presentes nas JAI, así como bastantes robots móbiles industriais.