As JAI volven ao formato presencial nunha oitava edición histórica en participantes e actividades

martes, 18 de outubro do 2022 S. P.

Nesta recta final de ano, Vigo vaise poñer no punto de mira da industria intelixente grazas ás oitavas Xornadas sobre Tecnoloxías e Solucións para a Automatización Industrial (JAI), que se celebran dende o luns 14 de novembro até o xoves 18. Este prestixioso evento sobre novas ferramentas de produción (máis racionais, eficientes, eficaces e rendíbeis), chega este 2022 a un intre histórico da súa andaina: a recuperación, logo da pandemia, do formato presencial (que obrigou á celebración das JAI en modo virtual en 2020), formato que será compatíbel, este ano, cos postos virtuais.
Segundo fixo saber o gran impulsor das JAI, o docente e investigador da UVigo Ignacio Armesto, a convocatoria de 2022 das xornadas será “unha oportunidade única” para coñecer o presente e o futuro da industria intelixente, con 40 empresas mostrando os seus achados recentes, 70 relatores de primeiro nivel (dos ámbitos estatal e internacional) e cinco días de actividade.
Proba do interese xerado polas actividades preparadas, a recuperación do sector, o pulo á dixitalización e os obxectivos renovados e fortalecidos, a nova edición das JAI xa pendurou o cartel de “cheo” a 10 meses da celebración do evento, a comezos deste 2022. Este éxito complementouse con cifras récord a nivel de firmas participantes e conferencias, e coa incorporación de novidades importantes no programa, que se engaden ás mesas redondas e a unha gran exposición robótica. “As cifras son as mellores acadadas ata hoxe nunha edición presencial. E é que falamos dun programa con 70 conferencias, catro mesas redondas e 40 firmas partner participando, todas elas multinacionais de recoñecido prestixio no sector. Sen esquecer o acto de apertura, que contará cun programa adicional de catro relatorios plenarios de auténtico luxo”, detallaba hai meses Armesto.
Entre as novidades no programa destacan unha serie de mesas redondas, xurdidas a raíz de varios eventos virtuais e presenciais organizados nos últimos anos, moitos deles en colaboración con ISA España e AER Automation e que contaron cunha destacada asistencia de profesionais. Nas catro mesas redondas que se celebrarán en sesión de tarde de luns a xoves, participarán un máximo de seis persoas: dúas representantes de firmas, outras tantas de usuarios finais que utilizan con éxito nas súas empresas solucións relacionadas coa temática tratada e unha persoa moderadora. Serán catro sesións sobre Ciberseguridade, Condition Monitoring, Robótica Móbil e Visión e Intelixencia Artificial.
Por outra banda, a 8ª edición das JAI acollerá “a gran exposición robótica que non puidemos facer no acto oficial de apertura das edición dixital, pero vitaminada”, avanza Armesto.
Polo que respecta ao Showroom Industrial 4.0, a situación actual non permite organizar este ano un similar ao de 2018 con máis de 30 expositores simultáneos durante toda a semana, “pero si intentaremos ofrecer unha versión reducida con sete ou oito postos nos que as firmas que participan en cada sesión terán a oportunidade de presentar o seus produtos”.
Así mesmo, manterase a oferta de postos virtuais, que xa se usaron no portal das Digital JAI’2020.
A listaxe de empresas partners está formada este ano por Beckhoff, Bonfiglioli, Bosch Rexroth, Copadata, Creaform, Dassault Systemes, Delta, Endress+Hauser, ESET, Festo, Fortinet, Gigamon, HMS Networks, HP, IFM, Infranor, Kepware, Kuka Robotics, MatrikonOPC, MurrElektronik, Omron, OPC Foundation, Oppent, Patlite, Phoenix Contact, Pilz, Rockwell Automation, Schaeffler, Schneider Electric, Sick Sensor Intelligence, Siemens, Trend Micro, Weg, Weidmüller e Yaskawa.
Tamén participan, achegando o seu coñecemento, as seguintes entidades e compañías: Canal de Isabel II, Alisys, Grupo Copo, Tecdesoft, Logitek, RobotPlus, Infaimon, DGH Grupo, Stelllantis, AER Automation, Logicmelt, Grupo Solitium, FINSA, Grupo Nueva Pescanova, Complejo Asistencia Universitario de Salamanca, Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, Esypro e PLCopen.
Os relatorios tocarán temas de gran interese, como por exemplo os novos sistemas desenvolvidos para facer monitoraxe e control de grandes infraestruturas, como garantir a seguridade nos novos ámbitos de Intelixencia Artificial, como acadar a máxima sustentabilidade no ámbito da rastrexabilidade ou como tirar o máximo proveito dos datos e da conectividade dos obxectos para lograr un mellor operatividade e gañar en competitividade e rendibilidade.