As JAI xuntarán no Campus de Vigo máis dun milleiro de profesionais e estudantes
luns, 26 de febreiro do 2018
Xa se albisca ao lonxe a edición 2018 das
Xorrnadas de
Automatización Industrial (as JAI, polas súas siglas en
inglés), con toda probabilidade o evento galego e estatal que máis
ten feito por preparar o terreo do que hoxe en día se coñece como
Industria 4.0, e tamén un dos máis referenciais á hora de tender
pontes entre as empresas do sector (o elemento contratador) e o
alumnado (o futuro equipo profesional desas empresas). A
sétima edición das JAI, que se celebran do 12 ao 16 de marzo na
Escola de Enxeñaría Industrial, foi presentada hoxe nos seus
detalles polo coordinador e impulsar das xornadas, o profesor José
Ignacio Armesto, e máis polo reitor, Salustiano Mato, quen
adiantou que “todo indica que as JAI poderán dar en breve o salto
e converterse na principal feira tecnolóxica deste sector no
noroeste español”. O evento contará coa participación de máis
700 profesionais das principais empresas do sector, 400 estudantes e
un convidado de excepción: o robot humanoide Yao, que hoxe amosou as
súas habilidades.
Segundo fixeron saber Armesto e Mato, estes
encontros oriéntanse á difusión das máis innovadoras e avanzadas
tecnoloxías de automatización industrial, combinando as
presentacións e conferencias impartidas por líderes sobranceiros no
seu sector e por profesionais da industria, institucións e centros
tecnolóxicos, achegándose un showroom con 35 postos nos que
mostrar a vangarda destas tecnoloxías.
Armesto e Mato tamén sinalaron que gran maioría
de empresas que participan nesta sétima edición das JAI (dúas
ducias de firmas que apoian o evento de xeito directo e ás que se
suman outras como entidades colaboradoras) son multinacionais con
presenza en España, algunhas delas presentes nas JAI dende a
primeira edición, como Phoenix Contact, Rockwell Automation,
Schneider Electric e Siemens e outras de recente creación como
Universal Robots ou MiR. “A maioría son compañías moi asentadas
no tecido industrial” que abandeiran o terreo da automatización e
“adoitan estar presentes en feiras tan prestixiosas como a
Automática en Münich ou SPS IPC Drives de Nüremberg”, explicou
Armesto, quen fixo fincapé en que, “aínda que sexa de xeito moi
modesto, as JAI están a pór a Galicia no mapa de encontros
profesionais deste sector e permiten que, tanto os profesionais de
aquí como o alumnado, poida coñecer de preto as principais
novidades sen necesidade de desprazarse a Madrid ou Barcelona, no
mellor dos casos”. Armesto tamén lembrou que no programa de
relatorios estarán presentes compañías doutros sectores que
dependen da automatización no seu proceso produtivo. Entre elas, PSA
Peugeot Citroën, que presentará as innovacións relacionadas coa
industria 4.0 que aplican na factoría viguesa; Repsol, que amosará
as novas técnicas do proceso químico que empregan, por exemplo, na
refinaría da Coruña; e Navantia, que dará a coñecer o seu
proxecto Estaleiro 4.0, no que utilizan técnicas de realidade
virtual no deseño dos seus produtos.
O programa arrancará o luns 12 de marzo e logo da
apertura oficial artellarase en diferentes conferencias. A primeira,
correrá a cargo de Juan José Areal, responsábel do Proxecto de
Innovación en Proceso do Grupo PSA, que falará sobre automoción
4.0. e seguiranlle membros de Repsol (industria de proceso), Navantia
(estaleiro 4.0), HP (vantaxes da tecnoloxía 3D) ou Kuka (robótica).