As Lanzadeiras de Emprego de Galicia acadaron unha taxa de inserción laboral do 60%

mércores, 25 de maio do 2022 S. P.

Este martes 24 de maio celebrouse un encontro coas Lanzadeiras Conecta Emprego da Coruña, Ourense, Santiago e Vigo, unha xuntanza na que participaron a conselleira de Emprego, María Jesús Lorenzana, a coordinadora Territorial de Fundación Santa María La Real, Sonia González, e o director de Relacións Institucionais de Fundación Telefónica, Joan Cruz. Segundo fixeron saber, máis de mil persoas participaron xa nestas iniciativas de formación, adestramento e innovación, impulsadas na nosa terra polas ditas entidades. Tamén fixeron saber que as lanzadeiras galegas (39 lanzadeiras en nove anos) acadaron un 60% de inserción laboral.
Na actual edición, que comezou en febreiro na Coruña, Ourense, Santiago e Vigo (axudando aos participantes a atopar traballo con técnicas de orientación laboral e ferramentas dixitais) un total 23 persoas atoparon emprego e outras 5 realizan certificados de profesionalidade.
Como dixemos, a iniciativa está impulsada por Fundación Santa María La Real e a Fundación Telefónica. Conta co co-financiamento do Fondo Social Europeo, e a colaboración da Xunta de Galicia.
O encontro celebrado este martes 24 no Museo Pedagóxico de Galicia permitiu que os representantes das entidades promotoras puideran coñecer aos seus participantes, tomar nota das actividades que desenvolveron desde febreiro, e as que teñen previstas até finais de xullo para reactivar a súa procura de traballo, mellorar a súa empregabilidade e fomentar a súa inserción laboral.
As técnicas das Lanzadeiras Conecta Emprego da Coruña, Ourense, Santiago e Vigo, Angélica Vidal, Laura Iglesias, Ángela Criado e Patricia Torrado, respectivamente, explicaron o seu labor, asesorando aos seus equipos para mellorar a súa estratexia de procura laboral de forma colaborativa.
Nos tres primeiros meses, 23 participantes atoparon emprego por conta allea en industria, organizacións sociais, comercio, hostalaría, transporte, loxística ou reparación de vehículos, entre outros sectores. Ademais, outro cinco participantes están a realizar certificados de profesionalidade de Operación de Sistemas Informáticos.
Tras estes primeiros movementos, actualmente hai 65 participantes: 36 mulleres e 29 homes en desemprego, de entre 19 e 60 anos. Teñen diversos niveis formativos e experiencia en diferentes sectores. O seu obxectivo é “aproveitar as actividades até finais de xullo para lograr tamén a súa inserción laboral”.
A conselleira de Emprego realizou un balance das lanzadeiras realizadas en Galicia nos últimos anos: “Nestes anos realizáronse 39 por toda Galicia, nas que participaron máis de mil persoas en desemprego, das que un 60% logrou mellorar a súa situación laboral. As lanzadeiras teñen bos resultados, e demostraron ser unha política activa de emprego moi efectiva”.

PUBLICIDADE