As Meta Quest poderán reproducir os vídeos espaciais gravados cun iPhone

xoves, 1 de febreiro do 2024 Marcus Fernández

Unha das características estrela das Apple Vision Pro é a posibilidade de gravar e reproducir o que chaman vídeo espacial, que vén ser o xeito que ten de entender Apple o que até agora se coñecía como vídeo 3D.
Dado que gravar cun visor posto na cabeza non é algo que resulte práctico, nas últimas semanas introduciron nos iPhone 15 Pro e Pro Max a posibilidade de empregar dúas das súas cámaras traseiras para poder gravar este tipo de vídeos estereoscópicos, o que facilitará que o formato poida popularizarse nos vindeiros meses, especialmente despois da última xogada de Meta, que vén de anunciar a incorporación da reprodución de vídeo espacial nas Meta Quest, ou sexa, que a partir da versión 62 do software de sistema das Quest será posible reproducir en 3D os vídeos espaciais gravados cun iPhone sen a necesidade de complexos procesos de transformación dos clips, de xeito que non será preciso contar cun visor que custa milleiros de dólares para poder gozar plenamente destes vídeos.
Pero non será a única boa mellora que integrarán as Quest, xa que o seu navegador web agora conta con soporte para mandos de PlayStation e Xbox, o que incrementa as opcións de xogo a través da realidade virtual.
Tamén incorporan para todos os usuarios a posibilidade de retransmitir as experiencias de VR en directo a través de Facebook, permitindo incluso conversar cos amigos e seareiros durante o streaming. Durante os directos a través de YouTube tamén será posible visualizar os chats dentro do visor, facilitando así unha maior interacción coa audiencia.