As Neves habilita a tecnoloxía tiivii de retransmisión deportiva intelixente
martes, 13 de agosto do 2024
O Concello das Neves estreou este verán nova tecnoloxía deportiva para mellorar a experiencia dos seareiros locais. Fíxoo coa estrea no Pavillón Municipal do sistema tiivii desenvolvido pola firma tecnolóxica coruñesa Cinfo, situándose As Neves como o primeiro municipio da comarca da Paradanta que bota man desta tecnoloxía, o que posibilitará a retransmisión en directo de todos os partidos do Fútbol Sala As Neves.
Este sistema de emisión de partidos funciona de forma automática e é manexado por Intelixencia Artificial. O Concello explicou que grazas á instalación deste sistema, o Club de Fútbol Sala terá ao seu alcance unha nova fonte de ingresos ao tempo que dispón dunha tecnoloxía que lle permitirá avanzar en logros deportivos, ao posibilitar a reprodución detallada de cada intre.
En concreto, tiivii permite dar unha viraxe á metodoloxía usada até agora para achegar ao público este tipo de acontecementos, “ao complementar as actividades por medio dun sistema de retransmisión en directo de forma totalmente automatizada e sen necesidade de intervención humana a través do uso de cámaras intelixentes que producen eventos de calidade en cuestión de minutos”, explicaron fontes de Cinfo, engadindo que o produto inclúe soporte para medios gráficos, locucións, mestura de vídeo e mesa completa de produción na nube reforzada por Intelixencia Artificial, elementos que poderán ser usados en función das necesidades particulares de cada evento.