As Nintendo Switch da anterior xeración deixarán de venderse en febreiro
luns, 6 de xullo do 2026
Hai un mes coñeciamos que Nintendo estaba a traballar nun redeseño para Nintendo Switch 2 que permitiría mudar de xeito doado a batería de consola por parte do usuario en cumprimento da normativa europea, e agora Nintendo anuncia que as novas consolas redeseñadas comezan a chegar ás tendas europeas este mesmo verán.
Pero o máis rechamante desta información é que convida a visitar unha páxina web na que detallan como será esta modificación que afecta tanto a consolas Switch 2 como a algúns mandos, pero que deixaría fóra a consolas Nintendo Switch, Nintendo Switch Lite e Nintendo Switch modelo OLED, que seguirán a fabricarse con normalidade este ano, pero prevén que a mediados de febreiro comecen a súa retirada do mercado europeo.
Estamos ante o que sería a transición entre xeracións de consolas por parte de Nintendo que podería considerarse extraordinariamente brusca, pero non sería a primeira vez que acontece, pois tanto a GameCube como a Wii U tamén desapareceron rapidamente das tendas, aínda que en ocasións anteriores o motivo era que a súa demanda practicamente desaparecera, algo que aínda non aconteceu coa primeira xeración de Nintendo Switch.
Cómpre lembrar que a Nintendo Switch 2 subirá de prezo en setembro, situándose nos 499,99 euros, quedando fóra do alcance de moitos dos seus compradores potenciais, o que debería acelerar a chegada dunha Nintendo Switch 2 Lite, orientada unicamente á mobilidade e cun prezo máis asumible para os consumidores, aínda que a conxuntura actual cos prezos das memorias non fará posible a comercialización de consolas baratas antes de 2028.
