As PEME galegas recoñecen atopar atrancos para integrar a xestión do coñecemento no seo da empresa

martes, 25 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

O Centro Tecnolóxico AIMEN vén de facer público este martes un informe sobre a situación do empresariado galego con respecto ao coñecemento tecnolóxico. O estudo sinala un panorama preocupante en acceso a datos de valor, sobre todo porque AIMEN atopou a seguinte realidade: as pequenas e medianas empresas galegas atopan atrancos para integrar a xestión do coñecemento nas súas compañías. De feito, só o 15% das organizacións diagnosticadas declara dispor dun programa específico para este ámbito e o 3% di destinar un orzamento propio para estas prácticas. Trátase basicamente, segundo se indica, dun problema de falta de organización e de planificación estratéxica, máis que de demanda de información (que a hai). Esta é unha das principais conclusións do informe Diagnóstico da situación da xestión da Xestión do Coñecemento e a súa relación coa xeración de valor en Galicia, elaborado polo Centro AIMEN, que se presentou este martes 25 nunha xornada celebrada nas súas instalacións en O Porriño.
Para a súa realización, contou co apoio da Consellería de Economía no marco do Plan INCITE. O principal obxectivo do estudo foi o de identificar o nivel de maduración da xestión do coñecemento na nosa comunidade e a súa integración nas diferentes organizacións, sendo a metodoloxía empregada a de enquisas a empresas representativas dos diferentes sectores produtivos, centros tecnolóxicos e departamentos de investigación do ámbito científico-tecnolóxico das tres universidades galegas. O estudo avalía en detalle os métodos máis comúns para acceder á información, sistemas de almacenamento máis empregados (estruturas de redes, comunicacións, sistemas intranet-extranet, etc) e razóns para o seu emprego, principais atrancos no camiño aos datos.
O informe, en base ao devandito, achega estoutra conclusión: “O empresariado galego adopta prácticas de xestión do coñecemento sobre todo para dirixir o medre da compañía, mellorar a eficiencia e a produtividade dos empregados e incrementar a adaptación dos produtos e servizos aos requirimentos dos clientes”. Do mesmo xeito, recoñece que a dificultade para integrar todos os sistemas ou estruturas organizativas e para atopar e implantar ferramentas eficaces, foron barreiras para a xestión do coñecemento nas súas firmas.
Como dixemos, unicamente o 15% das organizacións diagnosticadas declara dispoñer dun programa específico para este ámbito e o 3% di destinar un orzamento propio para estas prácticas. Este tipo de recursos úsanse no marco de mellora continua, dando resposta a necesidades concretas dos procesos, “pero non cunha estratexia global”.
O estudo sinala tamén que “as accións máis habituais neste eido están relacionadas co factor humano (o intercambio de información entre persoas), máis que coa xestión documental ou a codificación dos coñecementos das organizacións”. Polo que respecta ás novas tecnoloxías, as máis espalladas son “as menos específicas para facilitar a xestión do coñecemento; pola contra, as máis habituais son as ferramentas de aplicación máis xeral: Internet, e-mail, as bases de datos e intranet”.