As Pontes acollerá a partir do 18 de xaneiro un campamento de redes seguras para a rapazada

venres, 3 de xaneiro do 2025 S. P.

O Concello das Pontes e Cibervoluntarios.org (Fundación Cibervoluntarios) van celebrar co arranque do novo ano unha actividade de lecer tecnolóxico para a rapazada, con vistas a mostrarlles aos nenos e adolescentes os recursos que garanten un uso seguro, útil e creativo das novas ferramentas. Trátase do Campamento Dixital das Pontes, unha iniciativa gratuíta de Cibervoluntarios.org, que pon o foco nas competencias dixitais para a rapazada e a mocidade.
O programa dará comezo o 18 de xaneiro e desenvolverase até o 1 de marzo, todos os sábados en horario de 9.00 a 13.00 horas, e poderán asistir rapazas e rapaces de idades comprendidas entre os 9 e os 13 anos (con dúas quendas, de 9 a 11 e de 12 a 13).
Haberá aventuras, misións e retos. En cada aventura, sinalan dende a organización, irán adquirindo novas competencias para utilizar Internet e as ferramentas dixitais de forma útil, segura e responsábel.
As inscricións poden facerse xa a través do documento específico habilitado.
Este campamento dixital está feito en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios e dentro do Programa de Competencias Digitales para la Infancia, CODI, posto en marcha polo Ministerio de Juventud e Infancia e financiado por Fondos Next Generation da Unión Europea.