As Pontes licita o servizo de dinamización e desenvolvemento de cursos da aula CeMIT

xoves, 13 de xaneiro do 2022 S. P.

Ao abeiro do convenio de colaboración entre Presidencia da Xunta, a axencia AMTEGA e a FEGAMP, o Concello das Pontes sacou a licitación o servizo de dinamización e desenvolvemento de cursos da aula CeMIT. O obxectivo é “promover a alfabetización dixital da poboación da vila, mellorar as súas competencias dixitais, diminuír a fenda dixital e mellorar a súa empregabilidade”.
Con motivo da licitación, Lorena Tenreiro, responsábel da área de Medios Locais apuntou que “a través deste servizo queremos mellorar a capacitación da veciñanza no manexo das novas tecnoloxías, achegala ao mundo dixital procurando, deste xeito, que poida estar informada e conectada con outras persoas, poñendo a súa disposición as ferramentas tecnolóxicas que existen na actualidade”. Segundo fixo saber, é evidente que pandemia “mudou a forma de relacionarnos” e “somos conscientes de que existen colectivos nos que a fenda dixital pode ser un obstáculo para a vida cotiá”, polo que a través deste servizo asúmese o reto de que “as veciñas e veciños aprendan a acender un ordenador, usar un buscador, navegar pola Rede, enviar fotos, usar as redes sociais, realizar trámites electrónicos, que se familiaricen coas novas tecnoloxías para que non queden atrás”.
O contrato, valorado en 28.400 euros, prevé que se impartan un mínimo de 800 horas anuais repartidas entre horas de aula aberta (a toda a veciñanza) e horas destinadas a accións formativas dirixidas a entidades sen ánimo de lucro, asociacións empresarias, persoas desempregadas e veciñanza en xeral.
Segundo engadiu Tenreiro, as actividades formativas pivotarán en torno a cursos relacionados con habilitades informáticas (alfabetización informática, ofimática,) e outros seminarios máis concretos nos que o uso do ordenador “sexa necesario para actuacións cotiás”, por exemplo para pedir cita á seguridade social, pedir vida laboral, solicitar volantes de empadroamento, solicitude de licenzas, descargar fotografías no ordenador, etc..
O programa tamén incluirá seminarios dirixidos a asociacións sen ánimo de lucro, ONG, asociacións empresariais e outras para aumentar a súa visibilidade en Internet ou a obter un valor engadido a través de Internet (comercio electrónico, como crear páxinas web, como xestionar os contidos das páxinas, como estar presentes en redes sociais, crear blogs, etc.).
A axenda tamén incorporará obradoiros de busca de emprego relacionados coas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC). Virán con formato de breves seminarios ou talleres que permitan ás persoas que buscan un posto de traballo mellorar a súa empregabilidade utilizando novas tecnoloxías.
As empresas interesadas poden presentar as súas ofertas ata o 20 de xaneiro, a través da sede electrónica do Concello.

PUBLICIDADE