As Ray-Ban Meta poderían integrar pantallas en 2025

martes, 24 de decembro do 2024 Marcus Fernández

As Ray-Ban Meta convertéronse nun accesorio revolucionario por conseguir casar unha tecnoloxía avanzada cun deseño discreto e elegante, polo que poderiamos estar ante o primeiro wearable de éxito na achega dos asistentes de intelixencia artificial ao grande público, e aínda que falta moito para que sexa posible que unhas lentes poidan ofrecer unha experiencia de realidade aumentada completa, dende o Financial Times aseguran que durante 2025 poderiamos ver un importante avance nesa dirección.
No diario económico avanza que Meta ten previsto incorporar pantallas ás Ray-Ban Meta na segunda metade de 2025, aínda que non estariamos ante unhas pantallas cun grande campo de visión, senón ante pequenas pantallas para poder amosar notificacións ou respostas ao asistente de IA de Meta, o que lembra moito ao concepto de Google Glass que fracasou no pasado pola resistencia social ante o feito de que a xente puidese invadir a intimidade mediante unha cámara camuflada nas lentes.
Curiosamente o atranco co que toparon as Google Glass non está a ser un grande problema coas Ray-Ban Meta, polo que podemos entender que estamos nun momento social no que está máis asumido que estamos rodeados por cámaras en todas partes, e as vantaxes que pode achegar a IA coa súa integración nunhas lentes pode convencer á sociedade para aceptar un concepto que rexeitaba non hai moito.
Actualmente as Ray-Ban Meta xa poden empregarse como sistema de mans libres para o móbil (xa que integra altofalantes e micrófono), serve como cámara fotográfica e de vídeo (permitindo incluso realizar retransmisións en directo a través de Instagram), e coa axuda da IA pode ser de grande axuda ao usuario traducindo texto ou simplemente describindo o que se ten diante (o que pode ser unha revolución para as persoas con problemas de visión).
Lembremos que Meta está a traballar en Orion, un prototipo de lentes de realidade aumentada cun peso inferior aos 100 gramos, que xa amosa un adianto do que permite esta tecnoloxía, pero que aínda non é un produto comercial porque Meta quere conseguir que teña un prezo asumible (actualmente custa preto de 10 mil dólares construír cada unidade) e que o formato sexa o máis compacto e lixeiro para facilitar un uso confortable no día a día.