As Residencias Artísticas no Gaiás ábrense ás artes dixitais

xoves, 24 de abril do 2025 Redacción

A Xunta de Galicia convoca por cuarto ano consecutivo as axudas ao desenvolvemento de proxectos artísticos no marco das Residencias Artísticas do Gaiás, que, como novidade, incorporan as artes dixitais entre as disciplinas creativas que poden optar á convocatoria, xunto coas artes escénicas, visuais, a música e o deseño.
As artes dixitais entran a formar parte desta convocatoria como parte da aposta da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude por dar impulso ao talento galego nunha área cun enorme potencial de desenvolvemento e gran demanda por parte do público. Experiencias inmersivas e interactivas, obras baseadas en procesamento de datos, ou videomapping son algúns exemplos de proxectos que poderán optar ás axudas e incluso chegar a fornecer o Centro de Artes Dixitais de Galicia que se está a construír no Gaiás.
En total, ofértanse seis axudas dotadas con 8.000 euros cada unha. O prazo de presentación de candidaturas está aberto ata o 23 de maio de 2025 e efectuarase, obrigatoriamente, por medios electrónicos a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Ademais do apoio económico, os beneficiarios contarán cun espazo para traballar no seu proxecto na Cidade da Cultura durante un período de entre tres semanas e mes e medio. Nese tempo disporán, igualmente, de recursos técnicos e humanos propios do Gaiás e mentorización na área creativa á que se ligue a proposta.
As residencias artísticas desenvolveranse entre os meses de setembro e novembro de 2025, e ao remate das mesmas realizarase unha presentación do resultado obtido, nun encontro aberto co público. Ademais, valorarase a posibilidade de que os proxectos poidan formar parte do programa cultural da Cidade da Cultura.