As Rokid Glasses dinamizan o mercado das lentes conectadas

mércores, 27 de agosto do 2025 Redacción

O fabricante chinés Rokid, coñecido polas súas lentes que poden funcionar a xeito de pantalla virtual, está a explorar unha nova categoría de produto a través dunha campaña de micromecenado en Kickstarter a través da que podemos facernos coas súas novas Rokid Glasses, unhas lentes con pantallas monocromas verdes que conseguiron captar un grande interese, superando a campaña os 500.000 dólares recadados en 24 horas.
As Rokid Glasses parten dun prezo de 479 dólares para os primeiros mecenas e entre as súas funcións inclúen consultas por voz mediante ChatGPT, reprodución de música, chamadas e captura de fotos e vídeo. Pero a súa gran baza está nas funcións integradas que proxectan un visor de información en verde para indicacións de navegación, uso como teleprompter ou tradución de texto e voz en tempo real en 89 idiomas.
Rokid presume de ter creado as «lentes de IA e AR máis lixeiras do mundo», aínda que estritamente non se trata dun dispositivo de realidade aumentada, senón do que se coñece como HUD (head-up display). As Rokid Glasses funcionan cun procesador Snapdragon AR1 de Qualcomm e co RT600 de NXP, con pantallas micro-LED de 1.500 nits de brillo e un sensor Sony IMX681 de 12 Mpíxeles con campo de visión de 109 graos para a captura de imaxe, que permite capturar fotografías e vídeos en múltiples formatos, sempre con luces indicadoras de gravación para garantir transparencia no uso.
O dispositivo tamén incorpora altofalantes, un sistema de catro micrófonos con redución de ruído de vento e un deseño de 49 gramos con montura magnética que admite lentes graduadas. A autonomía é de entre 8 e 10 horas para un uso mixto, 5 ou 6 horas de reprodución musical, 2 horas co visor activo e ata 45 minutos de gravación intensiva. Tamén é posible adquirir as lentes cun estoxo de carga de 3.000 mAh.
Estamos ante unha seria competencia para as Ray-Ban Meta, aínda que é probable que a propia compañía de Mark Zuckerberg anuncie en breve unha nova versión que inclúa pantalla, o que faría máis xusta a comparación entre ambos produtos.
O envío das Rokid Glasses está previsto para novembro de 2025, estando activa a súa campaña de micromecenado ata o 10 de outubro.