As TIC contribuíron a reducir a sinistralidade e a inseguridade na Coruña

mércores, 13 de agosto do 2025 S. P.

O Concello da Coruña fixo balance das actuacións desenvolvidas pola Policía Local ao longo do ano 2024. A presentación estivo a cargo da concelleira de Seguridade Cidadá, Montserrat Paz, quen destacou a redución da sinistralidade viaria e o fortalecemento das medidas de educación, control e atención á cidadanía. Tamén debullou os éxitos acadados polos recursos tecnolóxicos postos en xogo para acadar a dita redución de accidentes e atropelos.
Engadiu que “por cuarto ano consecutivo, A Coruña rexistra un descenso na sinistralidade viaria” e que “en 2024 contabilizáronse 758 accidentes de tráfico (67 menos que en 2023)”. Reduciuse tamén o número de feridos por atropelo, pasando de 117 a 90. Este descenso constante desde 2021 evidencia o éxito das políticas municipais en materia de mobilidade segura e calmado do tráfico.
No balance explícase que o sistema de videovixilancia e control da Sala de Pantallas reforzou a capacidade de resposta municipal con 6.242 chamadas atendidas, máis de 8.408 intervencións en semáforos e máis de 1.100 conexións informativas con medios de comunicación. Ademais, realizáronse 1.419 intervencións de auxilio á cidadanía, ampliando o enfoque asistencial do corpo policial.
Ademais, o programa de educación viaria chegou a 3.777 participantes entre alumnado de distintos niveis educativos e persoas que tomaron parte nas actividades de participación libre, “promovendo unha cultura de mobilidade segura desde a infancia e consolidando A Coruña como cidade educadora”, sinalou a concelleira.
Ademais, fíxose balance da actividade da aplicación móbil Eurocop My Alert, ferramenta dixital de seguridade colaborativa para establecementos comerciais que en 2024 acadou un tempo medio de resposta inferior aos 5 minutos. Actualmente conta con 77 establecementos adheridos: 38 na zona de Alcalde Marchesi/Gaiteira e 39 na rúa Barcelona. “A expansión desta ferramenta a novas zonas e a valoración positiva dos comercios adheridos avalan o seu impacto como modelo innovador de protección en contornas urbanas”, sinalou a concelleira.