As TIC fortalecerán os Ancares e O Courel como destinos de turismo científico

mércores, 21 de agosto do 2019 Redacción

A Deputación de Lugo vai impulsar unha rede profesional para potenciar Os Ancares e O Courel como destino turístico científico. A rede estará formada polos 16 concellos da provincia incluídos nestas dúas comarcas de gran riqueza medioambiental e paisaxística. Tamén participarán universidades, administracións con competencia turística, empresas do sector, fundacións e investigadores. A rede contará cun foro dixital no que todas as entidades e axentes implicados poderán debater temas e propostas e recoller as opinións dos membros.
Estes e outros datos foron dados a coñecer hoxe pola deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, acompañada da directora de Observer Science Tourism, Maite Vence Fernández, no salón de actos da sede da Deputación. García Porto subliñou que “na entidade provincial damos un paso máis para fomentar un turismo sustentábel nas montañas de Ancares e Courel e impulsamos esta rede co obxectivo de que sexa unha plataforma de difusión, cooperación, deseño e planificación de novas estratexias que empracen esta zona da provincia de Lugo como un destino turístico diferenciado, baseado na sustentabilidade, e ligado ao turismo de natureza e á ciencia cidadá”.
10 accións
No marco do Plan Estratéxico de Turismo da Provincia de Lugo 2017-2020 enmarcouse a creación dun ecosistema integrado de turismo científico nos Ancares e Courel que iniciou a Deputación en agosto de 2018 cunha achega de case 70.000 euros. Froito desta iniciativa, os montes dos Ancares e O Courel recibiron a certificación Espazo Observer Turismo Científico, que avala o potencial deste espazo natural como reserva de investigación.
A Rede Profesional de Turismo Científico para o territorio dos Ancares e O Courel é unha das 10 accións que está a desenvolver a Deputación para potenciar un turismo de natureza diferenciado na provincia e atraer máis visitantes.
Entre as accións rematadas neste último ano, ofreceuse formación para capacitar a 25 persoas como guías de turismo científico a través de formación específica; organizouse a I Xornada de Turismo Científico e tamén 6 actividades e rutas nestes espazos naturais sobre xeoloxía, fauna ou astronomía abertas a todo o público.
Para a difusión e promoción deste territorio creouse un vídeo promocional dos valores naturais deste destino de turismo científico e tamén unha guía dixital de roteiros con 50 puntos de interese e con 5 itinerarios diferentes sobre xeoloxía, botánica, ecoloxía, zooloxía e arqueoloxía que xa está dispoñíbel para a súa descarga na web da Deputación de Lugo, www.deputacionlugo.gal.
Ademais, a institución lucense engadiu que xa están na recta final os traballos para a sinalización no terreo dos 5 itinerarios científicos con paneis explicativos e tecnoloxía para achegar información ao móbil dos visitantes. Tamén estará dispoñíbel unha nova web e unha aplicación móbil descargábel cos datos precisos para “que os visitantes poidan coñecer e percorrer os recursos científicos, naturais, culturais máis relevantes deste territorio”, engadiu a entidade provincial.

PUBLICIDADE