As TIC galegas Igalia, Optare, Teimas e Torus, recoñecidas nos quintos Premios ARDÁN

xoves, 23 de maio do 2024 S. P.

Na tarde deste xoves 23 de maio celebrouse a quinta edición dos Premios á Excelencia Empresarial que concede anualmente o Consorcio da Zona Franca de Vigo. Máis de 400 representantes do mundo empresarial, económico, social e político, completaron o aforo do Auditorio Mar de Vigo.
Os galardóns foron outorgados a 13 empresas galegas que obtiveron 4 e 5 indicadores ARDÁN. Este ano ademais entregouse un premio especial ao grupo Zendal en recoñecemento á súa traxectoria empresarial. Entre as ditas firmas galegas distinguidas atopábanse referentes do sector TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) da nosa terra como Igalia, Optare Solutions, Teimas ou Torus Software Solutions.
Na súa intervención de benvida, David Regades mostrouse “satisfeito de facer visíbel, a través deste evento, as traxectorias únicas e de éxito dos premiados”. Tamén quixo facer extensivas as súas felicitacións a todo o tecido empresarial galego: “Estes premios son unha homenaxe sincera a cada empresaria e empresario que día a día, co voso tesón e esforzo, facedes de Galicia unha terra de oportunidades”.
O delegado do Consorcio quixo, ademais, destacar a importancia das empresas galardoadas pola súa contribución á creación de riqueza e emprego. “Sobresaen”, apuntou, “pola súa capacidade para xerar vantaxes competitivas, cun impacto significativo na creación de valor económico e postos de traballo; e son capaces de manterse na vangarda da innovación de produtos, servizos e modelos de negocio, buscando ofrecer ao cliente unha calidade excepcional mediante a mellora continua nos seus procesos”.
A conferencia central estivo a cargo de Alicia Asín, co-fundadora e conselleira delegada de Libelium, recoñecida conferenciante en eventos internacionais do sector tecnolóxico, galardoada en múltiples ocasións polos seus méritos empresariais e innovación tecnolóxica. Baixo o título Innovación tecnolóxica e excelencia empresarial avanzou a repercusión que terá a tecnoloxía en todos os sectores.
O premio especial ao grupo Zendal foi recollido polo seu CEO, Andrés Fernández, no marco dunha entrevista na que falou de excelencia e liderado.
Abel Caballero foi o encargado de clausurar o evento destacando a importancia de Vigo como a cidade do coñecemento e emprendemento de Galicia.
Premios á Excelencia Empresarial ARDÁN (5.ª Edición)
-Compañía Española de Algas Mariñas (CEAMSA). O Porriño, Pontevedra. 5 Indicadores ARDÁN: Fortaleza Financeira, Empresa Global, Empresa Igual en Xénero, Empresa Circular e Xestión de Talento.
-HERMASA Canning Technology S.A. Vigo, Pontevedra. 5 Indicadores ARDÁN: Empresa Global, Empresa Innovadora, Empresa Igual en Xénero, Empresa Circular e Xestión de Talento.
-Corporación Hijos de Rivera, S.L. A Coruña. 4 Indicadores ARDÁN: Gacela, Alto Rendemento, Xeradora de Riqueza, Alta Produtividade.
-Cuvida, S.A. San Cibrao das Viñas, Ourense. 4 Indicadores ARDÁN: Empresa Global, Empresa Innovadora, Empresa Circular e Xestión de Talento.
-Igalia, S. L. A Coruña. 4 Indicadores ARDÁN: Alto Rendemento, Empresa Global, Empresa Innovadora e Empresa Igual en Xénero.
-Jim Sports Technology, S. L. Palas de Rei, Lugo. 4 Indicadores ARDÁN: Xeradora de Riqueza, Fortaleza Financeira, Empresa Global e Empresa Igual en Xénero.
-Nova Galimplant, S. L. Sarria, Lugo. 4 Indicadores ARDÁN: Alto Rendemento, Xeradora de Riqueza, Alta Produtividade e Fortaleza Financeira.
-Optare Solutions, S. L. Vigo, Pontevedra. 4 Indicadores ARDÁN: Empresa Global, Empresa Innovadora, Empresa Igual en Xénero e Xestión de Talento.
-REGANOSA Servizos. S.L. Mugardos, A Coruña. 4 Indicadores ARDÁN: Alto Rendemento, Fortaleza Financeira, Empresa Innovadora e Empresa Circular.
-Rodicut Industry, S.A. Mos, Pontevedra. 4 Indicadores ARDÁN: Alto Rendemento, Xeradora de Riqueza, Fortaleza Financeira e Empresa Global.
-Servizos Gráficos Arteixo, S. L. Arteixo, A Coruña. 4 Indicadores ARDÁN: Alto Rendemento, Xeradora de Riqueza, Alta Produtividade e Empresa Innovadora.
-Teimas Global, S.L. Santiago, A Coruña. 4 Indicadores ARDÁN: Empresa Global, Empresa Innovadora, Empresa Circular e Xestión de Talento.
-Torus Software Solutions,, S.L. A Coruña. 4 Indicadores ARDÁN: Empresa Gacela, Empresa Innovadora, Empresa Circular e Xestión de Talento
Premio Especial á Traxectoria Empresarial. Zendal Health, S. A.