As TIC póñense ao servizo da sanidade galega potenciando a telemedicina

luns, 31 de xaneiro do 2011 Raquel Noya

As novas tecnoloxías, ademais de permitir a mellora da calidade asistencial no sistema sanitario galego (a través do uso da receita electrónica ou da dixitalización da historia clínica), permite agora cousas inimaxinables ata hai poucos anos e que practicamente rondan a ciencia ficción: a consulta e diagnose de doenzas a través de Internet.
Precisamente, a conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, destacou recentemente que a Administración sanitaria galega está a implantar en todas as xerencias de Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde, diversos programas de potenciación da telemedicina como a teleoftalmoloxía ou teledermatoloxía, entre outros, que se basean no uso das TIC para o seu funcionamento.
No acto de inauguración da 37 reunión anual da Sociedade Galega de Oftalmoloxía, Farjas declarou que “Galicia non vai renunciar ás novas tecnoloxías telemáticas, á telemedicina ou a aquilo que redunde nunha atención máis rápida, mellor e máis segura para os pacientes”, e engadiu que “esa é a nosa responsabilidade”.
O pulo da telemedicina experimentou un importante incremento ao longo de 2010, con 4.120 consultas máis que en 2009. No caso concreto da teleoftalmoloxía, actualmente, o número de centros de saúde con solucións deste tipo implantadas ascende a 69 centros de saúde, fronte aos 29 centros de saúde que había a comezos da lexislatura.
A intención do Executivo é incrementar paseniñamente estas ferramentas tecnolóxicas en centros de toda a Comunidade para o beneficio de toda a sociedade galega.

PUBLICIDADE