As TIC, un dos piares do programa O Teu Xacobeo

venres, 21 de xuño do 2019 Redacción

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e a comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, anunciaron este venres a resolución do proxecto O Teu Xacobeo, que permitirá, sinalaron, “impulsar 352 iniciativas de dinamización en máis dun cento de concellos de toda Galicia”. Segundo fixeron saber, O Teu Xacobeo conta cun investimento de 4,7 millóns de euros por parte da Xunta. A previsión é mobilizar preto de nove millóns de euros en todo o territorio ao longo deste 2019 e ata abril do 2020. Boa parte das iniciativas de dinamización porán o o foco nas TIC.
Román Rodríguez salientou que se recibiron un total de 652 propostas nas tres liñas de axuda abertas e lembrou que “a gran afluencia de solicitudes levou a ampliar o investimento destinado a este proxecto, pasando dos 2 millóns iniciais a un total de 4,7”. E engadiu: “Trátase da convocatoria de concorrencia competitiva aberta á sociedade máis importante da historia de Galicia”.
No caso da primeira liña de axudas, destinada a proxectos formulados por entidades locais (concellos galegos, mancomunidades, consorcios locais ou deputacións), impulsaranse un total de 80 proxectos que contarán cun investimento de preto dun millón de euros. A meirande parte destas iniciativas permitirán mobilizar recursos locais, fomentarán a innovación e o uso das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e farán especial énfase na promoción de artistas ou creadores galegos.
A segunda das liñas favorecerá a posta en marcha de 89 iniciativas propostas por PEME e particulares nas que se investirán preto de 1,5 millóns de euros en proxectos centrados no desenvolvemento rural, o impulso de talento emerxente ou o fomento da igualdade.
Por último, a terceira das liñas permitirá que boten andar 183 propostas de entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro e contará cun orzamento de 2 millóns de euros.
As iniciativas seleccionadas abranguen un total de cinco áreas: o ámbito artístico, patrimonio-historia-pensamento-espiritualidade, gastronomía, ámbito deportivo e ámbito social.

PUBLICIDADE