As Tartarugas Mutantes celebran o seu 25 aniversario cun xogo para Wii

martes, 27 de xaneiro do 2009 Marcus Fernández

O uso de varios xogadores á vez engadirán diversión ao novo xogo das Tartarugas Mutantes

As Tartarugas Mutantes, coñecidas polos seus comics, a súas películas e as súas series de televisión, tamén teñen bastantes videoxogos para distintas plataformas, e para celebrar o 25 aniversario da súa creación da man de Kevin Eastman e Peter Laird decidiron anunciar un novo videoxogo, que esta vez chegará para a Wii durante o vindeiro outono, e permitirá ata 4 xogadores simultáneos, lembrándonos ás vellas recreativas destes personaxes, pero coa estética dos últimos xogos e películas de animación 3D.
O novo videoxogos está a ser desenvolvido por Game Arts, e non terá nada que ver con ningunha das series ou películas dos últimos tempos, o que permite certa liberdade á historia deste título de acción que promete ter moito éxito, pois os xogos anteriores destes personaxes teñen normalmente unha boa acollida, e mesmo a versión da creativa de 1989 incorporada a Xbox LIVE Arcade en 2007 fora o xogo máis descargado para tal plataforma ese ano.
Polo pouco que se puido ver, o novo xogo promete ser divertido e cun acabado gráfico bastante aceptable (aínda que lonxe do último xogo que apareceu para PS3, Xbox 360 e PC), polo que é unha mágoa que non chegue a máis plataformas que a consola doméstica de Nintendo.

O xogo presenta unha aparencia gráfica semellante á da última película de animación que chegou aos cines españois hai ano e medio

PUBLICIDADE