As Tartarugas Mutantes terán xogo de VR o ano que vén

venres, 30 de maio do 2025 Marcus Fernández

Cortopia Studios, creadores de Gorn 2, veñen de anunciar Teenage Mutant Ninja Turtles: Empire City, un novo xogo en realidade virtual que promete poñer aos xogadores dentro das coirazas das Tartarugas Mutantes para vivir como elas baixo as rúas de Nova York. O título, previsto para 2026, chegará ás plataformas Meta Quest e Steam VR e xa pode engadirse á listaxe de desexos.
O xogo ofrecerá unha mestura de combate, exploración e narrativa, con énfase tanto na acción directa coma na infiltración silenciosa, permitindo que os xogadores escollan como afrontar cada desafío. Contará cunha campaña principal e tamén actividades alternativas pensadas para a repetición e o xogo cooperativo.
O xogo está inspirado nas orixes da franquía, combinando a esencia dos cómics de Mirage, o filme dos 90 e a saga moderna de IDW, buscando así encaixar co público que seguía ás Tartarugas Mutantes en diferentes épocas.
Entre as mecánicas destacadas está o combate corpo a corpo, co uso de ferramentas e habilidades ninjas, así como o desprazamento acrobático polos tellados e rúas de Nova York.
A experiencia en VR tamén permitirá ver as icónicas mans das tartarugas e dispor dun avatar corporal completo, o que contribúe a unha inmersión total. A elección de cada irmán tamén terá impacto nas mecánicas: un xogador que elixa a Donatello, por exemplo, poderá empregar habilidades tecnolóxicas como piratear torres en vez de loitar directamente.
Con Teenage Mutant Ninja Turtles: Empire City, Cortopia Studios promete unha viaxe nostálxica e innovadora para quen sempre soñou con ser un heroe co nome dun artista renacentista... e cunha debilidade por papar pizza mentres combate o mal.