As Termas e o Concello de Lugo presentan a segunda edición do concurso de innovación Wonderful

martes, 10 de abril do 2018 Redacción

As Termas Centro Comercial e o Concello de Lugo presentaron na mañá deste 10 de abril a segunda edición do seu certame conxunto de innovación, o concurso Wonderful. Segundo fixeron saber, a nova convocatoria do certame vai dirixida a apoiar unha vez máis a posta en marcha (da man de empresas ou persoas de Lugo) de iniciativas que marquen un antes e un despois (no económico, no produtivo pero tamén no social) na contorna da que xorden, a lucense. Ou sexa, que do que se trata é de recoñecer o esforzo dos lucenses a prol de dar forma a cadansúa visión de futuro empresarial. A iniciativa foi dada a coñecer pola concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico de Lugo, Ana Prieto, e o xerente do Centro Comercial As Termas, Esteban Patiño.
As propostas candidatas poden participar en catro categorías diferentes. A primeira é a de Solucións Innovadoras para tendas e centros comerciais; a segunda, Solucións Innovadoras que melloren a calidade de vida do cidadán con respecto á súa cidade (Smart Cities); a terceira é a de Negocios ou tendas innovadoras, e a cuarta, Ideas Innovadoras.
Segundo informaron, as tres primeiras están concibidas para empresas ou startups que traballan con innovación nos ámbitos das Cidades Intelixentes, as vendas ao por maior (retail) ou do comercio. A última diríxese sobre todo a emprendedores e universitarios con ideas de negocio innovadoras en calquera ámbito e coa posibilidade de plasmar os seus proxectos ou mesmo participar mediante os seus traballos de fin de grao.
Os gañadores conseguirán un conxunto de premios orientados a axudarlles nas fases iniciais, grazas aos patrocinadores e impulsores de Wonderful: Bstartup de Banco Sabadell, BizSpark de Microsoft, El Economista, IBM, a Universidade Francisco de Vitoria ou Indra. Os premios terán unha contía de 5.000 euros en metálico que entregará Lar España (propietaria, precisamente, do Centro Comercial As Termas), unha entrevista nun medio de comunicación do eido estatal, o acceso a financiamento bancario e investimento privado, axudas de software e novas tecnoloxías, consultoría estratéxica, formación e asesoramento personalizado. Ademais, os gañadores das categorías de innovación en retail participarán no Wonderful Summit 2018, presentando os seus proxectos no segundo Encontro Nacional de Innovación en Centros Comerciais e Retail que se celebrará en xullo de 2018.
Na cita de hoxe tamén se lembrou que Wonderful desenvólvese en Lugo grazas ao impulso de As Termas que, xunto co Concello de Lugo e outras entidades locais, colaboran no fomento da innovación na provincia. “Este tipo de iniciativas son clave para axudar ao desenvolvemento económico e social da nosa cidade e o das empresas ou emprendedores que están a innovar, xa que toda axuda é importante nos difíciles momentos iniciais”, sinalou Esteban Patiño.
Desde este 10 de abril e até o 31 de maio os emprendedores ou empresas poderán participar, presentando os seus proxectos de negocio a través do portal www.proyectowonderful.es.

PUBLICIDADE