As Universidades de Santiago e Almería crean un algoritmo que evita apagadas da rede como a de abril
mércores, 4 de febreiro do 2026
Coa intención de facer fronte a gran desafío das enerxías renovables (o tratamento da corrente eléctrica reactiva, que non fai traballo útil pero que circula seguindo entre os equipos e as redes, xerando perdas e limitando capacidades da rede), investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Universidade de Almería (UAL) acaban de crear un algoritmo que resolve o problema das distorsións harmónicas causadas por cargas non lineais.
Cargas non lineais como as dos sistemas (os invertedores) que transforman a corrente continua que xera, por exemplo, un panel solar fotovoltaico ou certos sistemas eólicos, en corrente alterna: un proceso necesario para que esa enerxía poida aproveitarse.
Os devanditos invertedores fotovoltaicos e eólicos introducen o mesmo tipo de distorsións que o algoritmo permite compensar de forma óptima.
A ferramenta estaría chamada a corrixir as distorsións de enerxía que acontecen cando se produce unha entrada masiva de enerxía verde, como a que ocorreu na apagada xeral do pasado mes de abril.
Os investigadores Xabier Prado e Jorge Mira, da área de Electromagnetismo da USC, pertencentes os dous ao Instituto de Materiais da institución compostelá (iMATUS), e Francisco Gil Montoya e Jorge Ventura, do departamento de Enxeñería da UAL, presentan os detalles deste novo algoritmo no artigo Optimal reactive current compensation for smart grids using linear programming: A novel algorithm with theoretical and real-world data validation, que acaba de publicarse na revista Sustainable Energy, Grids and Networks.
O algoritmo foi validado con datos reais de instalacións industriais, demostrando a súa aplicabilidade práctica.
O problema, explican, abórdase desde unha perspectiva de programación lineal, unha técnica matemática sólida e que proporciona rapidez de cálculo, facéndoo computacionalmente eficiente. Así, sinalan, “chégase a un algoritmo novo que permite compensar de modo óptimo a corrente reactiva” e que a diferenza dos métodos tradicionais “proporciona valores de compensación fiables para diferentes escenarios de operación, nos cales a calidade da potencia e eficiencia de enerxía sexan cruciais”. De feito, calcula a cantidade óptima de corrente reactiva a compensar en cada punto da rede, garantindo “unha solución globalmente óptima”. Ademais, redúcese o tempo de cálculo, “un factor clave para aplicacións en redes eléctricas en tempo real, e pode integrarse en sistemas de control xa existentes en redes intelixentes”, sinalan.
Esta investigación, actualmente en proceso de patente, contribúe a mellorar a calidade do sistema eléctrico, reduce os custos para distribuidores e operadores e facilita a integración de xeración distribuída, como a das enerxías verdes. Tal e como destacan desde o equipo investigador, “supón un paso cara a redes máis eficientes e preparadas para a integración masiva de xeración distribuída”. Ademais, este avance contribúe a reducir custos de operación da rede, “o que podería traducirse en aforros nas tarifas eléctricas”, conclúen.
