As Vision Pro poderían ter vendido 160-180 mil unidades en 3 días

luns, 22 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

Non hai dúbidas sobre a expectación ao redor das Vision Pro de Apple, pero resulta un tanto sorprendente que pese ao seu prezo elevado e a súa reducida dispoñibilidade a apertura das reservas de unidades do visor de realidade estendida funcionase tan ben, pois aínda que inicialmente esperábase que só fosen a estar dispoñibles 60-80 mil unidades, as estimacións realizadas por Ming-Chi Kuo sitúan a cantidade de unidades reservadas na primeira fin de semana en 160-180 mil.
Estes datos darían a entender que a base de usuarios máis entusiasta é moi grande e con grande poder adquisitivo, polo que resulta difícil facer proxeccións de vendas a medio prazo, xa que o prezo vai ser unha barreira moi importante para a comercialización do visor, que Kuo pensa que podería superar sen problema o medio millón de unidades ao longo do presente ano.
Aínda que os números que manexamos poden parecer elevados, Kuo quere poñelos en perspectiva, indicando que a base de usuarios activos de Apple sería de 1.200 millóns, polo que as Vision Pro serían un produto de nicho, e haberá que agardar varias iteracións para ver se realmente pode chegar a converterse nun produto de masas.

Poucas aplicacións de inicio

Outro asunto que está a provocar bastantes dúbidas sobre o atractivo das Vision Pro é a oferta de aplicacións compatibles, pois actualmente poderían ser pouco máis de 150, con ausencias moi importantes como YouTube, Netflix, Spotify, Facebook Instagram, Messenger, WhatsApp, TikTok, Google Drive, Gmail, Google Meet, Chrome, Amazon... que incluso impiden proactivamente que as súas aplicacións para iPad poidan correr nas Vision Pro, o que podemos entender de dous xeitos: están a aproveitar a oportunidade para exercer certa presión sobre Apple, ou simplemente prefiren agardar para ver que camiño segue a plataforma antes de facer desenvolvementos de calidade para a mesma.

PUBLICIDADE