As XXXIV Xornadas Técnicas de RedIRIS congregan na UDC a máis de 400 investigadores

martes, 23 de xuño do 2026 S. P.

A Facultade de Dereito da Universidade da Coruña (UDC) acolleu hoxe o acto inaugural das XXXIV Xornadas Técnicas de RedIRIS. O acto contou coa presenza do reitor, Ricardo Cao Abad, e do director xeneral de Red.es, Jesús Herrero Poza, máximo responsable da entidade pública estatal encargada da xestión desta rede académica e de investigación española que proporciona servizos avanzados de comunicacións á comunidade científica e universitaria nacional.
Na mesa de autoridades tamén estiveron presentes a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo e o subdirector xeral de Grandes Instalacións Científico-Técnicas (ICTS), José Ignacio Doncel Morales. O acto tamén contou coa asistencia do subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde Alonso.
Tras unhas palabras de benvida por parte do reitor, celebrouse a mesa redonda sobre Soberanía Dixital moderada polo director xeneral de Red.es, Jesús Herrero e integrada polo catedrático emérito da Universidade Politécnica de Madrid (UPM), Gonzalo León, a directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Carmen Cotelo, e o xefe do Departamento de Ciberseguridade Centro Criptológico Nacional (CCN), Carlos Abad. A continuación, o director de RedIRIS, Luis Prieto Cuerdo, procedeu coa exposición do informe de xestión do departamento que dirixe.
RedIRIS, organismo financiado polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e incluído no seu mapa de Instalacións Científico-Técnicas Singulares (ICTS), convocou no campus coruñés, nunha nova edición das súas Xornadas Técnicas, a máis de 400 representantes das institucións afiliadas a esta rede, sobre todo universidades e centros de investigación españois. Desde este luns 22, co habitual arranque dos grupos de traballo, ata o xoves 25 de xuño, os profesionais acreditados accederán a varias sesións relacionadas cos servizos que presta RedIRIS, debates sobre temas de actualidade na contorna TIC, conferencias e mesas redondas en ámbitos como a Intelixencia artificial, a Soberanía Dixital, a Tecnoloxía Cuántica e a Ciberseguridade, entre outros.
As demostracións tecnolóxicas na zona expositiva terán como protagonistas a un bo número de empresas que son referentes neste sector, e entre as que se atopan CSA, Satec, ProofPoint, A10 Networks, Nunsys, Acuntia, Minsait, Lynx Viwe, Nokia, Palo Alto e Telefónica.
Evolución de RedIRIS
RedIRIS ten a súa orixe no ano 1988, cando o Plan Nacional de Investigación e Desenvolvemento puxo en marcha un programa horizontal especial -IRIS- para a interconexión dos recursos informáticos das universidades e centros de investigación. Foi pioneira en España na introdución de Internet e de diversos servizos telemáticos, “xogando así un papel fundamental na evolución da Sociedade da Información e do Coñecemento”, segundo informa a UDC.
A partir de 1991, transfórmase en RedIRIS e desde xaneiro de 1994 ata 2003 queda integrada no Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).
Na actualidade, é a rede académica e de investigación española que proporciona servizos avanzados de comunicacións á comunidade científica e universitaria nacional. Está financiada polo Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e a súa xestión recae no Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública a través da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia artificial da que depende a entidade pública Red.es.
Hoxe en día máis de 500 institucións están afiliadas a RedIRIS, principalmente universidades españolas e organismos públicos de investigación. A rede contribúe ademais á conexión a Internet dos centros educativos públicos de primaria e secundaria de todo o territorio nacional, beneficiándose máis de 5 millóns de usuarios en España.
O resto dos servizos que ofrece agrúpanse en 9 bloques: conectividade, seguridade, identidade dixital, colaboración, computación na nube, mobilidade, soporte técnico, transferencia de datos e difusión.