As Xornadas Empresariais de Bergantiños incidirán en como dixitalizarnos e como sacarlle partido

martes, 17 de abril do 2018 Fernando Sarasketa

É posíbel concibir hoxe en día un encontro empresarial e de emprendemento sen abranguer as posibilidades das novas tecnoloxías da información? A resposta é de maneira categórica “non”, e así o entenden os organizadores das terceiras Xornadas Empresariais de Bergantiños, que se van celebrar no Fórum de Carballo nas tardes dos días 10, 22 e 29 de maio, e que van incluír no seu programa un bloque adicado en exclusiva ás posibilidades da dixitalización empresarial e aos mellores xeitos dos que dispoñemos para acadala. O epígrafe das xuntanzas fala por si só dos seus obxectivos: Adaptarse para competir con éxito cando todo cambia.
Nun plano máis xenérico, as xornadas contarán coa presenza de catro empresarios da comarca de Bergantiños, un economista, dous enxeñeiros, un avogado, un notario, o director rexional de ICEX, o conselleiro económico comercial da Embaixada de España en Santiago de Chile e o propio alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, para sensibilizar e orientar sobre os atrancos do emprendemento, o reducido tamaño de boa parte das PEME, as dificultades para acceder ao crédito e os requirimentos para buscar o afianzamento noutros mercados.
As xornadas, que son de balde (previa inscrición en liña), están dirixidas a empresarios, directivos de PEME e empresas familiares, emprendedores, sucesores, autónomos, profesores de Formación Profesional e dirixentes de asociacións. Na organización atópase a consultora Eurogabinete coa colaboración do Concello de Carballo, o ICEX e a Asociación Castaño y Nogal.
O programa inclúe seis relatorios de cualificados expertos, unha mesa redonda e coloquios cos asistentes ao final das xornadas.
Na primeira xornada abordaranse cuestións como a xestión dos recursos humanos, o talento e o liderado empresarial. Tamén haberá unha mesa redonda sobre modernización de empresas e exemplos de emprendemento de éxito local na que participan tres empresarios da comarca e o director do Centro Efa-Fonteboa. Ver programa.
A segunda xornada centrarase na innovación tecnolóxica, no deseño de procesos, na presentación de produtos e na mercadotecnia e a venda dixital (en liña), amais de incidir na comunicación comercial e na presenza en Internet con perfil propio e diferenciado en páxinas web e pasarelas de pagos. Estes temas serán avaliados por Thais Pérez e Diego Fraga, enxeñeiros da Universidade de Vigo. Pechará a xornada o letrado director das xornadas, Antonio Álvarez, cun relatorio sobre Riscos e condicionantes da consolidación e supervivencia empresarial.
Na terceira xornada abordaranse a internacionalización das empresas españolas e a cuestión da substitución xeracional na empresa familiar.

PUBLICIDADE