As Xornadas de Automática sitúan a Ferrol no epicentro da nova revolución industrial

xoves, 5 de setembro do 2019 Redacción

Estes días, até mañá, estanse a celebrar no Campus de Ferrol, na Escola Universitaria Politécnica, a corenta edición das Xornadas de Automática, uns encontros 4.0 de alcance estatal que veñen da man do Comité Español de Automática e que xuntan na cidade galega arredor de 250 profesionais da automática, dos ámbitos da investigación, da docencia e da empresa. A cita foi inaugurada na tardiña de onte polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, o deputado portavoz do Goberno da Deputación da Coruña, Bernardo Fernández, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e o reitor da UDC, Julio Abalde.
Na apertura oficial de actividades, o titular da Xunta enxalzou as oportunidades empresariais, sociais e científicas que se abren coa nova revolución industrial (a cuarta, a chamada Revolución 4.0) e reiterou o compromiso do Goberno galego neste eido, “un compromiso que se materializa nos 350 millóns de euros que se destinarán ao desenvolvemento da Axenda Industria 4.0 para aumentar o tamaño das empresas, promover o talento dixital e contribuír á reinvención e especialización do tecido industrial galego”, fixo saber.
Pola súa banda, Bernardo Fernández destacou a importancia do evento (as Xornadas de Automática) para converter Ferrol nun referente nacional como Campus Industrial, “un campus no que arredor de 3.000 alumnos fórmanse en 11 graos, entre eles o grao en Enxeñería Electrónica Industrial e Automática, o único con competencias profesionais en robótica en Galicia, 7 mestrados oficiais e 6 programas de doutoramento”. E engadiu: “Na Deputación somos moi conscientes de que o Campus Industrial da UDC en Ferrol axuda a que o sector produtivo desta comarca poida ser máis competitivo e eficiente, contribuíndo á transferencia de coñecemento e de innovación entre o mundo académico e o empresarial, un aspecto clave no desenvolvemento de calquera país moderno”.
Bernardo Fernández tamén expresou o seu desexo de que o congreso sirva como “intercambio de aprendizaxes e experiencias sobre as últimas novidades e avances dun sector en constante evolución e que implica numerosas áreas de coñecemento”.
Actividades até mañá
O Campus de Ferrol acolle até mañá, 6 de setembro, as XL Xornadas de Automática que organiza un comité de profesorado da Escola Universitaria Politécnica presidido polo docente José Luis Calvo Rolle. Este histórico encontro, promovido Comité Español de Automática (asociación formada por expertos dos eidos da automatización, o control de procesos e as novas tecnoloxías), ten entre os seus obxectivos constituírse como unha ponte de colaboración real entre o mundo da investigación, o da docencia, e o das empresas.
En termos concretos, os seus piares temáticos son a bioenxeñaría, a educación en automática, a robótica, a visión por computador ou a enxeñaría de control, todo complementado cun espazo empresarial para que as firmas do sector luzan achados.
Segundo lembra a organización, o programa inclúe unha competición CEABOT, concurso de robots humanoides para alumnado de grao e posgrao das universidades españolas. Así mesmo, tamén terá lugar o concurso PRODEL de control intelixente.
As xornadas contan coa presenza activa de máis de 250 expertos procedentes de España, Portugal e o resto de Europa, amais de Latinoamérica.

PUBLICIDADE