As Xornadas de Enxeñaría Biomédica porán o foco nas tecnoloxías intelixentes ao servizo da saúde

venres, 10 de xaneiro do 2025 S. P.

Froito da ecuación innovación e tecnoloxía igual a saúde nace a idea da primeira edición das Jornadas de Ingeniería Biomédica (JIB), unha proposta xurdida directamente da inquedanza do alumnado do grao e do mestrado de Enxeñaría Biomédica que, co apoio da Escola de Enxeñería Industrial, o SERGAS e o Consejo Estatal de Estudiantes de Ingeniería Biomédica e Ingeniería de la Salud propuxeron estas xornadas.
O dito encontro será entre o 10 e o 14 de febreiro na Escola de Enxeñería Industrial, no campus de Vigo, coincidindo coa celebración das Jornadas sobre Tecnologías y Soluciones para la Automatización Industrial (JAI).
As JIB 2025 centraranse na enxeñaría da saúde e o programa inclúe unha exposición de equipamento biomédico, que se poderá visitar entre os días 10 e 14, e dous simposios. O principal obxectivo é crear un espazo que permita poñer en valor de maneira específica as innovacións tecnolóxicas aplicadas á saúde, salientar a relevancia da enxeñaría biomédica no desenvolvemento de solucións avanzadas para o diagnóstico e tratamento de doenzas e fortalecer a conexión entre eido universitario e o profesional. Asemade, estas xornadas pretenden ser unha plataforma para inspirar a estudantes e profesionais, amosando as oportunidades e desafíos do sector.
Indo aos relatorios, o primeiro será o día 11 de febreiro, titulado: Hacia un futuro inteligente: tecnología e IA para transformar el manejo de la apnea del sueño, será impartido por María Luisa Torres (xefa de sección de Pneumoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro) e Manuel Casal Guisande (enxeñeiro industrial e investigador posdoutoral do Instituto de Investigación Biomédica Galicia Sur).
O segundo simposio será o día 13 de febreiro: Presente y futuro de la cirugía endovascular, correrá a cargo de José Manuel Encisa de Sá (xefe de Cirurxía Vascular do Hospital Álvaro Cunqueiro e profesor de Medicina da USC) xunto con José Manuel Blanco (de Siemens Healthineers).
A exposición do equipamento biomédico, que se inserirá dentro do showroom Industria 4.0 das JAI, comprenderá material empregado por diversos servizos do hospital Álvaro Cunqueiro (equipamento de sono e de ventilación, máscaras, interfaces, técnicas eco endoscópicas respiratorias, próteses traumatolóxicas, etc). Ademais, tamén presentarán dotacións e tecnoloxías empresas como BETA Implants, KUNE Implants e Fabrx.
Segundo o director da EEI, José Fariña, as JIB’’2025 están dirixidas a un público multidisciplinar e a idea é que sexa un foro no que poñer en valor a formación e o interese da figura da enxeñeira ou enxeñeiro biomédico no ámbito da sanidade, xa que o auxe da tecnoloxía no sector sanitario e o seu impacto na mellora da calidade de vida dos pacientes, así como na eficiencia dos sistemas sanitarios, serviu como detonante para este proxecto.
Irina Collazo é unha das estudantes implicadas na organización, xunto con Silvia Abreu, ambas membros de Ceebis, o Consejo Estatal de Estudiantes de Ingeniería Biomédica e Ingeniería de la Salud. Considera que a celebración destas xornada será unha oportunidade única para que o alumnado do grao e do mestrado en Enxeñaría Biomédica vexa diferentes alternativas de futuro.
Engadir que na organización deste evento están implicados tamén: Alberto Fernández Villar (xefe de Pneumoloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro) e Manuel Casal Guisande (investigador e docente nesta área).
Para rematar, José Fariña (director da EEI) engadiu que as JIB’’2025 teñen o potencial de se converter nun evento transformador para o grao e o máster en Enxeñaría Biomédica da UVigo e, a longo prazo, para a formación nesta área en Galicia e en España. Neste senso, salienta que permitirán estreitar a conexión coa industria, xa que “proporcionarán unha ventá directa ao mundo profesional, permitindo que estudantes da EEI coñezan de primeira man as innovacións e demandas do mercado”. Alén disto, serán unha panca para o fomento da empregabilidade, a través do networking e o contacto con empresas líderes, coas que as e os asistentes poderán establecer conexións clave para o seu desenvolvemento profesional. Por outra banda, Fariña tamén resalta o potencial destas xornadas para darlle pulo á investigación e á innovación.
Para asistir aos simposios é preciso inscribirse, xa que as prazas están limitadas a 60.