As Xornadas de Filosofía da Ciencia da UDC abordaron a realidade múltiple da Internet

luns, 18 de marzo do 2019 Redacción

A 24 edición das Xornadas de Filosofía da Ciencia da Universidade da Coruña agasallounos a semana pasada con dous días de actividade rebordantes de coñecemento avanzado e ideas de valor sobre Internet e as súas múltiples implicacións nas novas vidas, e, tamén, sobre a vertente máis científica da era dixital. Nas xornadas participaron ducias de expertos explicando os fenómenos comunicativos que estamos a vivir e tentar descubrir a onde nos levan. Viñeron da man da UDC, a través do Centro de Investigación de Filosofía da Ciencia e a Tecnoloxía e co apoio da Sociedad de Lógica, Metodología y Filosofía de la Ciencia en España. O coordinador das xornadas foi o profesor da UDC Wenceslao J. González, catedrático de Lóxica e Filosofía da Ciencia. Na segunda xornada (a do 15 de marzo), púxose de relevo a “realidade poliédrica de Internet”.
Comezou a xeira de relatorios Thanassis Tiropanis, da Universidade de Southampton, salientando como Internet permitiu novos e prometedores métodos de compartir datos, introducindo unha serie de desafíos. Tiropanis recoñeceu que concibe os observatorios de datos como “plataformas descentralizadas para compartir datos e observacións”, e expuxo unha arquitectura de referencia para o seu despregue. Amais, sinalou que a descentralización foi unha necesidade para a investigación interdisciplinar, e que este proceso beneficiará á innovación baseada en datos máis aló do ámbito académico.
De seguido, Enrique Alonso, da Universidade Autónoma de Madrid, ocupouse da dimensión social de Internet ao expor a cerna do seu relatorio: A Plusvalía dixital: o traballo na era da información. Alonsou comentou que a era da información obrigou a revisar algunhas das nosas concepcións tradicionais en torno ao traballo, o beneficio, as relacións de produción, o consumo ou o lecer. A este respecto, sintetizou as investigacións que se realizaron na última década sobre o traballo dixital. Tamén profundou nos mecanismos de xeración da plusvalía dixital, distinguindo o plano material e o dixital, ao tempo que propuxo solucións máis realistas cás coñecidas até a data.
A sesión de comunicacións botou luz sobre outras tres facianas de Internet. En primeiro lugar, Stephan Guttinger examinou como Internet está a remodelar as Ciencias Biolóxicas: dende o xeito de traballar os investigadores na procura de novos descubrimentos até como comunican ou financian a súa investigación. No seu traballo Bioloxía e Internet: A Ciencia aberta (Open Science) e o caso da vacinación, Guttinger resalta que Internet está a cambiar como se divulgan os resultados científicos (scientific output) e que consecuencias ten isto para os científicos en exercicio. No seu relatorio, emprestou particular atención ao movemento de acceso aberto (open access), alimentado polo agromar de Internet, que cambiou a distinción entre o dentro e o fóra da ciencia. Guttinger tomou a investigación en microbioloxía como caso de estudo, para mostrar como os novos desenvolvementos neste eido están a afectar ao debate acerca da vacinación infantil e como, en parte, isto está impulsado polo acceso aberto. Así, dixo, aínda que os coñecementos da bioloxía ou a química sempre afectaron aos debates acerca de política sanitaria, o movemento de acceso aberto cambiou a dinámica de como a ciencia está a crear eses debates. Estas dinámicas novas expoñen un reto, explicou, engadindo que “facilitan que os achados científicos sexan mal utilizados (misused), en particular en épocas en que a propia ciencia está en transición (que é o caso da actual microbioloxía)”. En consecuencia, convidou aos os científicos “a repensar como publican e comunican os seus datos e hipóteses, para limitar a probabilidade de que sexan mal utilizados”.
En segundo termo, María José Arrojo (Universidade da Coruña) centrouse en A novidade do deseño comunicativo en Internet: Análise desde o caso de Snapchat a partir das Ciencias do Artificial. A este respecto, sinalou que as ciencias do artificial ofrecen formulacións filosóficas novas sobre os deseños comunicativos relacionados con Internet, tanto os que se desenvolven hoxe como os que poden chegar a desenvolverse nun futuro máis ou menos próximo. As ciencias do artificial, apuntou, “propician un marco científico sólido para a rede de redes”, onde os deseños comunicativos en Internet, mediante o apoio da tecnoloxía, poden acadar novos obxectivos, algúns deles até agora difíciles de imaxinar, “e facelo dunha maneira cada vez máis accesíbel”. A contribución de Arrojo céntrase en tres aspectos diferentes da rede de redes: a vertente científica, a faceta tecnolóxica e a dimensión social. O seu traballo permite ver como Internet está a impulsar as ciencias da comunicación, e como os continuos avances que se producen no ámbito da comunicación teñen que ver principalmente coa compoñente artificial da comunicación, que amplía as capacidades do ser humano para chegar a novas metas.
En terceira instancia, Javier Taravilla (Universidade Autónoma de Madrid) ofreceu as Bases científicas e tecnolóxicas de Internet das cousas. Segundo lembrou, a expresión “Internet das Cousas” designa o seguinte desenvolvemento tecnolóxico transcendental “da nosa actual era informacionalista”, pois ofrece “un desenvolvemento consistente en conectar múltiples obxectos cotiáns e dispositivos á Rede”. Por exemplo: edificios que controlan a súa temperatura, gastos enerxéticos e accesos aos espazos, roupas que informan sobre a saúde dos seus usuarios, cidades con sistemas de aviso de fochancas, eficiencia e control, novos modos de activismo e organización cidadá, doenzas en seguimento ou, mesmo, ecosistemas e paraxes naturais. “Estas entidades poderán interactuar e desenvolverse a través da Rede de maneira inusitada”, sinalou, engadindo que “cos novos dispositivos de asistentes domiciliarios poden quedar xa moi preto escenarios que eran de ciencia ficción”.
Fixo Taravilla un percorrido por propostas tecnolóxicas que están na orixe deste novo tecnosistema. Na súa opinión é inminente a superación das limitacións das infraestruturas móbiles e os modelos de desenvolvemento tradicionais. Neste senso, vaticinou consecuencias para o noso modo de usar e habitar a Rede.
No relatorio final destas Xornadas sobre Internet e Ciencia, Ruth Towse (Universidade de Bournemouth) expúxose a seguinte cuestión: “Necesitamos un novo enfoque económico para a economía creativa na era dixital?”. A este respecto, o seu traballo profundou nas novos paradigmas da economía, no uso de teorías económicas “antigas” e “novas” para analizar as industrias creativas e os “novos” modelos de negocios conectados a Internet.
Trala última intervención procedeuse á entrega de diplomas aos asistentes e á clausura das xornadas. Estiveron presentes a vicerreitora do Campus de Ferrol e Responsabilidade Social, Araceli Torres Miño, o coordinador da actividade, Wenceslao J. González e o convidado principal destas xornadas, o profesor James Hendler.
Wenceslao J. González informou dos plans para o vindeiro ano, coa celebración das XXV Xornadas sobre Filosofía e Metodoloxía actual da Ciencia. Segundo explicou, os prazos e datas serán moi semellantes á da edición deste ano: o período de matrícula será, en principio, do 4 ao 28 de febreiro, e as datas de realización previstas son o xoves 12 e o venres 13 de marzo de 2020. Porén, dixo, serán “unhas xornadas especiais, por ser as vodas de prata da actividade”. Así, haberá varios cambios respecto doutros anos. Para comezar, non haberá comunicacións e todos os relatores serán convidados internacionais.
Entre os relatores convidados figuran varios que foron as figuras centrais en edicións anteriores das xornadas. É o caso de John Worrall, da London School of Economics; de Philip Kitcher, de Columbia University, a principal Universidade de Nova York; Donald Gillies, de University College London; ou de Thomas Nickles, da Universidade de Nevada en Reno. Xunto con eles aceptaron o convite Maria Carla Galavotti, da Universidade de Bolonia, que foi a directora do programa europeo The Philosophy of Science in a European Perspective; Theo Kuipers, da Universidade de Groningen (Holanda), que foi vicepresidente da Asociación Europea de Filosofía da Ciencia (2011-2013); e Roman Frigg, da London School of Economics, onde é director do Centre for Philosophy of Natural and Social Science.
O tema será A Filosofía da Ciencia hoxe.

PUBLICIDADE