As actividades de dinamización do galego de Política Lingüística, ao detalle no portal Lingua.gal

xoves, 15 de outubro do 2020 Sonia Pena

A Secretaría Xeral de Política Lingüística que dirixe Valentín García impulsou este outono unha nova edición do programa de dinamización do galego FalaRedes, que retoma a súa actividade, unha vez máis, da man da familia galega de máis sona entre a rapazada: a familia dos Bolechas. A axenda de citas con Tatá, Chispa e compañia, que foi dada a coñecer a finais de setembro polo propio secretario xeral dende o Museo do Mar de Galicia, está dispoñíbel no Portal da Lingua Galega, www.lingua.gal, onde se ofrecen non só as diferentes paradas que van realizar nos Bolechas nas nosas vilas e cidades ao abeiro de FalaRedes, senón tamén unha completa relación de todas as actividades de dinamización lingüística previstas para este outono onde se poña o foco nos máis pequenos e tamén na mocidade.
Valentín García explica que o programa de dinamización lingüística FalaRedes, amais das citas dos Bolechas coa rapazada, conta este outono con outras propostas teatrais, audiovisuais ou musicais que ofrecerán opcións variadas de lecer en galego nas catro provincias, con oferta para adultos e para cativos.
Porén, un dos espectáculos estrela do programa é sen dúbida Os Bolechas e a Porta dos Camiños, dirixido a nenos de catro a oito anos, que está a percorrer dende finais de setembro 21 localidades e entidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística, logo de arrincar o itinerario na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey do Grove (Pontevedra). Nesta nova aventura, Carlos, Loli, Pili, Braulio, Sonia e Tatá botaranlle unha man ao programador informático Haker Mater para poñer a punto A Porta dos Camiños, unha máquina que lles axuda a elixir un dos moitos Camiños de Santiago ás persoas que queren peregrinar e non saben por que vía facelo. Para conseguiren que funcione a máquina, os cinco irmáns, acompañados do seu can Chispa, necesitarán a axuda do público, que se divertirá e aprenderá mentres participa neste reto.
As vindeiras representacións de Os Bolechas e a Porta dos Camiños celebraranse nas seguintes vilas e cidades: o día 17 de outubro en Cerceda (no Auditorio Municipal ás 18.00 horas), o día 24 en Rois (no Auditorio Municipal ás 12.00 horas), o día 24 en Lalín (no Salón Teatro a partir das 18.30 horas), o día 31 de outubro en Guntín (na Casa da Cultura), o 11 de novembro en Arteixo (no Auditorio do Centro Cívico Cultural), o 14 de novembro na Coruña (no Centro Ágora), o 14 de novembro en Santiago (no Centro Sociocultural de Vite), o 15 de novembro en Oleiros (no Centro Cultural A Fábrica), o 22 de novembro en Barro (na Nave da Música), o 28 de novembro en Tui (no Edificio Francisco Sánchez), o 28 en Ourense (no Auditorio Municipal), o 29 en Mondoñedo (no Auditorio Municipal Pascual Veiga) e o 29 de novembro en Narón (no Pazo da Cultura).
A axenda de FalaRedes tamén inclúe este outono actividades abeiradas ao Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, como a peza teatral Minia convídate a xogar, de Teatro Babaluva, que logo da súa estrea en Pereiro de Aguiar (Ourense) comezou unha xira por Cambados, Oroso, Padrón e Mos. Podemos consultar as datas concretas, novamente, no portal www.lingua.gal.
Obxectivos e retos
O programa de dinamización lingüística FalaRedes, da Secretaría Xeral de Política Lingüística (Consellería de Cultura, Educación e Universidade), ofrece aos concellos e entidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística actividades en galego para o tempo de lecer coa finalidade de ampliar a oferta de ocio no noso idioma, promover o uso e valoración positiva da lingua propia de Galicia e apoiar os artistas que desenvolvan o seu traballo en galego. Un dos seus principais instrumentos de actividade é sen dúbida o portal www.lingua.gal, onde podemos consultar todo o relativo aos contidos e as datas das diferentes accións incluídas na axenda.

PUBLICIDADE