As adicións aos móbiles e o diñeiro dixital centran este luns unha xornada en Mariñán

luns, 8 de abril do 2024 S. P.

Esta mañá inaugurouse a III Xornada Formativa sobre o Plan Director para a convivencia e a mellora da seguridade nos centros educativos e nos seus contornos, o programa operativo do Ministerio do Interior dirixido a garantir e promover a cultura de seguridade na poboación escolar e previr, tamén, o mal uso das novas tecnoloxías.
A cita, que aborda cuestións relacionadas coa adicción e o acoso online, foi inaugurada a primeira hora polo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, que reivindicou a cooperación entre administracións, forzas de seguridade e comunidade educativa para “promover a convivencia nos colexios e institutos de Galicia” e “garantir que a formación, a adquisición de valores cívicos e o crecemento persoal sexan protagonistas nestes espazos”.
A xornada, organizada pola Área de Educación da Delegación do Goberno, reúne este luns no Pazo de Mariñán (Bergondo) a máis de 75 persoas representantes da comunidade escolar de Galicia e a Forzas de Seguridade do Estado para analizar os retos da convivencia e seguridade nos centros educativos de Galicia. Entre elas, atópanse os formadores e formadoras da Policía Nacional e da Garda Civil que levan a cabo as accións formativas deste Plan Director. A elas dirixiuse o delegado do Goberno, recoñecendo unha dedicación que “vai moitas veces máis aló do que lle corresponde ao posto”, e que o ano pasado traduciuse en 4.160 charlas e accións formativas en 995 centros educativos de Galicia.
O delegado lembrou o impacto crecente que o Plan Director ten en Galicia, como o amosan, dixo, as cifras que acada ano a ano: “En 2023 asistiron a estas sesións formativas preto de 125.000 persoas, das que 112.000 eran nenos e nenas e o resto eran docentes e pais, nais e titores”. A estas cifras engadiu as 14.000 vixilancias nos contornos dos centros educativos e o labor permanente de asesoramento e consello sobre temas de seguridade escolar.
Xunto ao delegado, no acto de inauguración participaron a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez; a subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e a deputada provincial e delegada en materia de Educación da Deputación da Coruña, Yoya Neira.
A xornada aborda en catro mesas redondas distintas temáticas que responden ás demandas trasladadas polas persoas que fan a formación nos centros educativos e polos propios equipos directivos e docentes. Nesta ocasión, celebraranse catro coloquios ao longo do día, que versarán sobre adiccións, saúde mental, acoso sexual ou acceso ao diñeiro dixital. Nelas participarán persoas expertas, formadores da Policía Nacional e Garda Civil, responsábeis de asociacións e de empresas de sectores relacionados coas distintas temáticas.
A xornada será clausurada ás 18 horas pola subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas. A axenda inclúe unha charla sobre a adición ao móbil e as súas derivadas, moderada por Isabel Ruso de Lago, directora do IES Eusebio da Guarda, contándose coa presenza de Fernando Suárez Lorenzo, presidente do Consello de Colexios Profesionais de Informática de España e do Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (membro do Comité de expertos para protexer aos menores no contorno dixital, do Ministerio de Xuventude e infancia), Marta Carballal Mariño, pediatra de atención primaria da área Sanitaria da Coruña e Maite Lage López, psicóloga clínica e responsábel da Unidade de Día de ACLAD (Asociación Coruñesa de Loita Antidroga).
A axenda tamén inclúe, pola tarde, unha sesión sobre as ameazas no uso do diñeiro dixital polos e polas adolescentes. Modera Gerardo Rodríguez Velo, coordinador de programas de AGALURE (Asociación galega de ludópatas rehabilitados) e participan Diego Arceo Bello, inspector e xefe do Grupo de Investigación Tecnolóxica da Policía Nacional da Coruña, Ramón Peña Pérez, formador do Plan Director da Guardia Civil de Lugo amais de experto en tratamento dos roles do xogo, e Rafael Villaverde Mogo, director executivo (CEO) de Infonet Ciberseguridade, Premio PEL Deputación da Coruña á mellor iniciativa empresarial consolidada.