As alfombreiras centran a nova entrega do podcast Aquí faltan páxinas
luns, 1 de setembro do 2025
O Pazo de Petán, en Redondela, acolle este xoves 4 de setembro ás 20:00 horas o primeiro faladoiro da terceira edición do podcast Aquí faltan páxinas, impulsado pola Deputación de Pontevedra para rescatar as historias de mulleres que non adoitan ser contadas.
O presidente da Deputación, Luis López, acompañado pola deputada de Igualdade, Sandra Bastos, asistirá á actividade. Nela, as protagonistas serán as alfombreiras María Carrera Otero, de Ponteareas, Susana Ricón e Mayka Cabaleiro, de Redondela, Loli do Campo, de Bueu, e Tere Pereira, de Gondomar.
O faladoiro centrarase na confección das alfombras de flores, segundo lembra a institución provincial “unha manifestación cultural secular que en Galicia permanece viva grazas ao papel esencial das mulleres alfombreiras, transmisoras dos códigos simbólicos desta tradición, depositarias da sabedoría popular herdada xeración tras xeración e facedoras dun traballo comunitario e interxeracional que se segue repetindo cada primavera en moitas vilas da provincia de Pontevedra”.
O seu legado, grazas ao traballo da Federación de Alfombristas de Galicia, xa foi incluído no censo galego de patrimonio inmaterial da Xunta e declarado manifestación representativa do patrimonio español polo Ministerio de Cultura. Ademais, actualmente agarda a decisión da UNESCO para sumarse ao Listado Representativo do Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade. A actividade, que se poderá seguir a través do sitio web da Deputación, irá acompañado dun podcast con testemuños recollidos durante o encontro.
A terceira edición do programa Aquí faltan páxinas, que busca enxalzar a figura de grandes mulleres vinculadas á provincia e relevantes na historia, terá continuidade con máis faladoiros. As accións incluirán a historia das cantareiras de Gargamala, a modista Juana de la Cruz "Juaniña", as nais contra a droga, a primeira alcaldesa de Galicia, Concepción Pérez Iglesias, ademais das mulleres do mundo do viño, a soprano de zarzuela Matilde Vázquez, a fotógrafa e xornalista Corona González, a bióloga Marisol Soengas, a arquitecta Rita Fernández Queimadelos, a cineasta Cruz Risco e as primeiras policías locais, Marian Ledo e Begoña Villar.
