As alumnas supoñen xa máis da metade dos participantes nos programas Club de Ciencia e STEMBach
martes, 11 de febreiro do 2025
Coincidindo coa celebración do Día Mundial da Muller e da Nena na Ciencia, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, visitou o Colexio CEIP de Laredo (Redondela) para visitar o Club de Ciencia deste centro educativo e coñecer de primeira man o traballo que desenvolven os alumnos ao abeiro desta iniciativa asentada no sistema educativo galego logo de arrancar como experiencia piloto no curso 2016-17 con dez centros.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP salientou a importancia deste programa para espertar o interese da cativada, especialmente das nenas, pola ciencia, a tecnoloxía, a enxeñaría e a investigación “desde idades temperás” e que estas inquietudes se traduzan “nun camiño a titulacións deste tipo xa no eido universitario”.
Así mesmo gabou a “singularidade” do traballo que o alumnado e o profesorado do CEIP Laredo leva a cabo no seu Club de Ciencia onde cada experimento se acompaña dunha lectura específica e acorde coa práctica que se pretende levar a cabo, o que “enriquece” o proxecto desde unha perspectiva “multidisciplinar” onde se mesturan moitos eidos de coñecemento académico e onde a biblioteca escolar tamén xoga un papel esencial.
Os Club de Ciencia, que se enmarcan na Estratexia Educación Dixital 2030, fundaméntanse nunha metodoloxía baseada na indagación e a aprendizaxe colaborativa, na que o alumnado adquire coñecemento mediante un método activo, propoñen as súas propias cuestións e resolven problemas.
Dende a Xunta destacan que as alumnas supoñen xa máis da metade do alumnado participante nos programas Club de Ciencia e STEMBach, detallando que o Club de Ciencia chega este curso a un total de 17.681 alumnos, o 51% dos cales (8.962) son mozas e nenas e o 49% (8.719) rapaces, de 223 colexios e institutos de Galicia.
No caso do STEMBach, unha modalidade de Bacharelato no que se promove o desenvolvemento de competencias STEM a través de contidos curriculares relacionados co pensamento computacional entre outros, este curso participan 53 centros e 1.125 persoas matriculadas das cales o 54,4% (612) son mulleres fronte a 513 homes (o 45,6%).