As aplicacións de Accegal acumulan máis de 80.000 descargas

martes, 14 de novembro do 2017 Fernando Sarasketa

O investigador Jonathan Juncal

A nosa diversidade é tan ampla e tan “diversa” que tamén se aplica ao noso xeito de comunicarnos: cada persoa ten o seu xeito. A clave está en abranguer a todas e todos e non deixar a ninguén fóra. Este é un dos grandes obxectivos do proxecto galego Accegal, que, partindo da base dos atrancos que supoñen os modelos de comunicación xenérica, cen por cen textuais, aposta pola comunicación visual, pictográfica, aplicada ao ámbito das TIC. Máis polo miúdo, ao ámbito dos smartphones e as tabletas. Estes, a xuízo dos responsábeis de Accegal, brindan ás persoas con diversidades comunicativas unha “nova posibilidade para interactuar coa súa contorna, para expresarse e para evitar a súa exclusión social”. Dito doutro xeito: Accegal busca accesibilidade e inclusión poñendo o foco nuns elementos que se teñen criticado en repetidas ocasións por excluidores: os móbiles. O proxecto arrancou en 2011 e as súas aplicacións, nove, xa acumulan máis de 80.000 descargas.
Accegal vén da man do Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e do Centro de Educación Especial Manuel López Navalón en Santiago de Compostela. Durante estes seis anos, educadores e enxeñeiros deseñaron e puxeron a disposición da sociedade nove aplicacións que se basean “na comunicación alternativa e aumentativa”. Entre todas elas, como dixemos, acumulan máis de 80.000 descargas a nivel internacional. Estes e outros datos veñen de ser achegados por un dos enxeñeiros de Accegal, Jonathan Juncal, quen avaliou o impacto e a efectividade das nove ferramentas ao abeiro da súa tese de doutoramento. Nela o investigador demostra a utilidade destes recursos e avalía o seu correcto funcionamento. Trátase das ferramentas VirtualTEC (a primeira da serie, fornecida en 2011), PictoDroid Lite, PictoDroid, PictoDroid Head Lite, PictoDroid Med e PictoTalk, que empregan comunicación mediante pictogramas e MessageTTS, MyKeyboDroid e SubTitleMe, que ofrecen comunicación mediante caracteres convencionais.
A finalidade de todas estas aplicacións, sinala Juncal, é “dar soporte a persoas con diferentes tipos de discapacidade que afectan gravemente á súa capacidade comunicativa, aproveitando o potencial da tecnoloxía móbil para crear solucións sinxelas, dependentes do sistema operativo Android”. Segundo engade, trátase “dun paso adiante respecto aos comunicadores tradicionais, máis estáticos e caros, xa que os smartphones e as tabletas permiten o emprego dos comunicadores en calquera lugar, de forma rápida e sinxela”.

PUBLICIDADE