As aplicacións para Android poderán abrirse automaticamente en función do contexto

venres, 20 de maio do 2016 Marcus Fernández

Durante a celebración do Google I/O desvelouse a nova Google Awareness API, unha ferramenta para as aplicacións para Android que inclúe sete contextos (hora, posición, lugar, actividade, balizas, auriculares e meteoroloxía) ante os que pode reaccionarse para ofrecer unha experiencia de uso moito máis persoal. Deste xeito, cando conectamos os auriculares ao móbil e comezamos a correr poderemos recibir unha suxestión dunha listaxe de reprodución musical de Spotify que nos acompañaría no noso adestramento diario, á vez que durante a execución dunha aplicación podería aproveitarse a información recollida pola nova API para un funcionamento optimizado.
Con esta nova ferramenta conseguimos xuntar varias funcionalidades xa existentes dun xeito máis intelixente, facilitando a súa implementación, conseguindo unha información de contexto máis precisa e centralizando no sistema o acceso aos sensores que permiten estas funcionalidades (reducindo así o impacto na autonomía e no consumo de datos móbiles).
O máis rechamante da Awareness API é que permite que as aplicacións poidan abrirase de xeito automático, cando se dean certas condicións, o que permitiría que, por exemplo, cando nos poñamos a correr se active automaticamente a aplicación de rexistro da nosa actividade deportiva, que cando chova á hora que nos erguemos se abra unha aplicación de predición meteorolóxica para que sexamos conscientes do estado do tempo ou para que cando cheguemos a un establecemento comercial se abra a aplicación que facilitará o pagamento da nosa compra no mesmo. Outras aplicacións optan por reaccionar ao contexto, de xeito que o lanzador de aplicacións Nova está pensando en adaptarse para destacar distintas aplicacións en función da hora actual, algún reprodutor musical adaptará as súas suxestións musicais en función de onde nos atopemos e o que esteamos facendo (para que escoitemos música animada se estamos facendo exercicio, ou música máis tranquila se estamos de viaxe) e moitas outras posibilidades que recaen agora nas mans dos desenvolvedores.

PUBLICIDADE