As artes dixitais destacan na programación expositiva da Cidade da Cultura
venres, 31 de xaneiro do 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, avanzou esta mañá o programa expositivo da Cidade da Cultura de Galicia para este ano, que propón unha trintena de mostras, instalacións inmersivas e intervencións artísticas que abrirán as súas portas nos diferentes espazos do Gaiás, pero que chegarán tamén a vilas e cidades de Galicia, así como a lugares fóra da nosa comunidade.
Así, a primeira das novidades para este ano será Orixes, unha viaxe virtual e inmersiva para descubrir a evolución da vida no planeta Terra, que abrirá as portas no Museo Gaiás a finais de febreiro. Esta instalación, que continúa a liña iniciada con Hábitats. Natureza estendida, presenta unha interpretación artística dunha viaxe a través do tempo na que descubrir desde seres vivos que nos acompañan desde hai millóns de anos ata os desaparecidos dinosauros, e propón tamén unha reflexión sobre o impacto da humanidade nos ecosistemas e a necesidade dunha maior conciencia ambiental.
Instalación inmersiva ao redor de Castelao
O titular de Cultura do Goberno galego lembrou a aposta do seu departamento para “situar Galicia na primeira liña das artes dixitais, onde a Cidade da Cultura xogará un papel motor desenvolvendo tamén unha das propostas centrais do programa da Xunta de Galicia para o Ano Castelao”. López Campos salientou que esta instalación, aínda en fase de desenvolvemento, busca “aproveitar o potencial creativo das artes dixitais e as posibilidades das ferramentas de intelixencia artificial para xerar un tipo de experiencia memorable e sorprendente tanto desde o punto de vista tecnolóxico como conceptual”.
A instalación, desenvolvida por empresas galegas, proporá un achegamento á figura e ao universo creativo de Castelao a través da súa obra plástica, mergullando as persoas visitantes nun percorrido sensorial e envolvente ao redor do legado desta figura central da cultura galega, permitindo tamén “interactuar virtualmente con el ou levar consigo unha lembranza única desta experiencia”.
Outra das apostas do Museo Centro Gaiás para este ano será a exposición Mundo expandido, entre o físico e o virtual, un proxecto en colaboración coa Fundación Telefónica concibido para internarse nos límites entre a realidade física e os mundos dixitais, tanto explorando tecnoloxías inmersivas como a realidade virtual, aumentada ou mixta, como a través de audiovisuais, fotografías, pinturas ou instalacións de destacados artistas contemporáneos.
Itinerancias expositivas
Nun acto no que tamén participaron o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, o conselleiro avanzou ademais un programa de itinerancias expositivas desenvolvidas desde o Gaiás que, só na primeira metade do ano, incluirá ata sete proxectos en Madrid, A Coruña, Vigo, Pontevedra, Baiona ou Ponteareas.
A estas sumaranse outras que se irán dando a coñecer nos vindeiros meses, “traballando co obxectivo de que a Cidade da Cultura sexa cada vez máis unha Cidade da Cultura de toda Galicia, unha factoría que desenvolve proxectos dos que gozar nos seus espazos físicos, pero tamén para facer circular por centros de toda a comunidade e exportar fóra de Galicia para difundir a nosa cultura”, remarcou López Campos.
Así, á itinerancia xa anunciada da exposición Outras historias posibles a Pontevedra, súmanse dúas no Museo do Mar de Galicia en Vigo, que acollerá unha adaptación de Unha vida viquinga (centrada na vida en Galicia durante a época viquinga) ou a retrospectiva fotográfica do traballo realizado na nosa comunidade polo fotógrafo húngaro Nicolás Muller, un dos grandes documentalistas do pasado século.
Pola súa banda, a instalación inmersiva Hábitats. Natureza estendida poderá visitarse na Coruña a partir da primavera, en colaboración con Afundación, mentres que a mostra fotográfica A Vía da Prata. Aires do Sur, abrirá as súas portas en abril na Casa de Galicia en Madrid.