As asociacións de consumidores guían aos defraudados coas redes sociais nas súas reclamacións
mércores, 26 de decembro do 2012
As redes sociais medran
na súa influencia, cousa por outra banda natural, que por algo son
redes e son sociais. Con todo, hai servizos que se che poñen coller
o brazo enteiro, en troques dunha man, cóllencho sen dúbida. Se a
isto engadimos que tamén hai internautas coa garda baixa, pois
basicamente xa temos unha enleada. Plataformas como ASGECO
(Asociación Xeral de Consumidores) e a Confederación de
Consumidores e Usuarios (CECU) reciben cada vez máis reclamacións
sobre malas prácticas no devandito ámbito 2.0. Con este e outros
motivos, puxeron en marcha a terceira edición da campaña Non
clames, reclama, destinada potenciar as reclamacións entre os
consumidores e usuarios. Para o caso que nos ocupa, entre os
internautas á par que usuarios 2.0.
De feito, nesta nova
entrega da campaña faise fincapé en dous sectores que as
asociacións cualifican de problemáticos de abondo: os seguros (que
representaron máis de 75.500 reclamacións en 2012 en España) e as
redes sociais (máis de 9 de cada 10 internautas españois teñen un
perfil persoal nunha ou varias redes sociais). A estratexia de
información inclúe dous novos anuncios informativos e máis a
difusión de 20.000 guías nas redes sociais, complementándose o seu
alcance cunha aplicación para smartphones, con sistema
Android ou iOS, que presenta as repostas a 100 das preguntas máis
comúns sobre os dereitos dos consumidores.
Dentro da promoción da
campaña a través de internet, o portal www.noclamesreclama.org
fornece aos usuarios de consellos en 10 sectores, ao tempo que
fican activas de xeito permanente as páxinas en Facebook, Tuenti e
YouTube, así como a conta en Twitter. Segundo informan as
asociacións responsábeis destas iniciativas, a edición de 2011
tivo “un importante éxito, con máis de 62.200 visitas á web
do proxecto e case 230.000 páxinas vistas, máis de 800 consultas
respondidas a través de correo electrónico, acumulando máis de
1.000 seguidores fieis en Twitter, Facebook e Tuenti, e preto de 42
millóns de impactos efectivos en telespectadores para a campaña en
televisión durante o mes de xullo 2011”.