As asociacións galegas de software libre e AMTEGA achegarán este ano máis de 20 actividades conxuntas

mércores, 22 de xuño do 2022 S. P.

A actividade das asociación galegas que centran o seu traballo no impulso do software e o hardware libre vai ter novamente o apoio da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), que confirmou o seu respaldo un ano máis a través dun novo convenio de colaboración. Ao abeiro deste acordo as asociacións realizarán máis de 20 actividades de difusión por toda a comunidade, “abertas a toda a cidadanía”, informou a axencia autonómica que dirixe Mar Pereira.
A axenda deste ano abrangue desde actividades de difusión con charlas, obradoiros, organización de eventos ou colaboracións con outro tipo de asociacións ata a publicación de recursos educativos ou catálogos patrimoniais e culturais.
Dentro do mundo do hardware libre organizaranse talleres de robótica e impresión 3D “especialmente dirixidos ás xeracións máis novas”, e tamén ás súas nais e pais, para “que poidan compartir tempo argallando sobre estas novas tecnoloxías”, sinala AMTEGA, engadindo que “os movementos maker tamén estarán moi presentes”, por exemplo a través de proxectos centrados na Internet das Cousas (IoT) ou en solucións de domótica con hardware e software libre que poden ser replicadas de xeito sinxelo.
AMTEGA tamén salienta que este ano, ao abeiro deste convenio, celebrarase en Galicia, na cidade de Vigo os días 24 e 25 de xuño, o congreso esLibre, “o encontro nacional de software libre máis relevante nestes momentos que traerá á comunidade a empresas e persoas dende diversos puntos da xeografía española”. Ademais, ofrécese unha bolsa de viaxe que permite financiar o desprazamento a persoas de diferentes colectivos, co fin de fomentar a diversidade na participación do mesmo.
Asociacións galegas de software libre
En Galicia existe un importante núcleo de asociacións que teñen por obxectivo a difusión, promoción e fomento do uso do software e tamén o hardware libre. Son coñecidas como as AGUSL (Asociacións Galegas de Usuarios de Software Libre) aínda que hoxe en día evolucionaron e temos en Galicia un ecosistema moi rico con asociacións que tamén se dedican á difusión do hardware libre, con iniciativas baseadas na robótica, a impresión 3D ou ao Internet das cousas (IoT). Estas asociacións, formadas por persoas voluntarias, tenta facer chegar as vantaxes e o espírito de colaboración do software libre a través de diferentes actividades.
Impulso das accións
A Xunta, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia vén colaborando con este ecosistema cun convenio de colaboración de carácter anual, este ano cun importe de 30.000 euros, que lles permite realizar actividades con maior impacto, mentres que a Xunta de Galicia reforza así o seu compromiso de difusión do software libre entre a cidadanía, un dos eixos principais do Plan Anual de Software Libre. O carácter local destas asociacións permite que se fagan actividades de difusión en diversos puntos da xeografía galega, adaptadas ás diferentes realidades e necesidades, facilitando que máis persoas poidan participar das mesmas.

PUBLICIDADE