As asociacións propoñen en Lugo impulsar páxinas web para reactivar o sector rural

mércores, 7 de marzo do 2018 Redacción

GaliciaDixital, a plataforma temática sobre Galicia en Internet, e a Asociación Alía Network participaron este 6 de marzo nunha rolda de prensa celebrada en Lugo na que se presentaron sete iniciativas para dinamizar o rural galego dende sete eidos específicos: o traballo en rede (o networking), a innovación, o medio ambiente, as gandarías lácteas, a enxeñaría forestal, a formación profesional e unha proposta para facer un congreso internacional de produtores de leite en Santiago. Na cita cos medios, na que participaron entidades da nosa terra “sensibilizadas co abandono do rural”, pedíronse medidas efectivas para reverter a situación crítica actual. Na vertente innovadora, fíxose un chamamento a prol da creación de páxinas web para as empresas e produtores.
Na xuntanza, amais de GaliciaDixital e a Asociación Alía, achegaron as súas propostas a Asociación Castaño y Nogal, Almoneda Enxeñaría, European Dairy Farmers - España, o Centro de Promoción Rural EFA-Fonteboa e USKORUÑA.
Interviñeron Antonio Álvarez González, Pedro Guerreiro Iglesias, Xusto Suárez Varela, Luis García Fernández, Antonio Giz, Pelayo López Trivino e José Manuel Vicos López, todos eles explicando aos medios e ao público asistente as súas experiencias co rural, con análise de problemas, accións de sensibilización e resultados conseguidos. Os relatores coincidiron “na necesidade de afrontar o dilema de renovarse ou morrer, a cooperación activa de administracións públicas e os centros de formación, para prepararse e ser competitivos no mercado global do século XXI”. Máis aínda, engadiron, tendo que en conta que a partir de 2010 España e Galicia deixarán de percibir miles de millóns de euros dos fondos estruturais da Unión Europea.
Os intervenientes manifestaron tamén “que o futuro do rural pasa por contar con mozos e persoas con formación profesional, experiencia e referentes adaptados ás esixencias do contexto actual da agricultura, a gandaría e sector forestal, que deben impulsar e propiciar as administracións de forma integrada e asumir como ineludíbel e irreversíbel quen pretenda facer do rural o seu medio de vida e desenvolvemento persoal na era da globalización e a competitividade”.
Deuse conta tamén na rolda de prensa do compromiso e acordo das firmas participantes con GaliciaDixital para configurar, desenvolver e manter páxinas web para o sector rural, con bonificacións para asociados e cooperantes de todas elas. Neste senso, explicouse que en boa medida “as feiras de antes están agora en Internet, que é lugar de encontro e de comercialización de produtores e demandantes, a nivel global, rexional e local”. Tamén coincidiron na necesidade “inaprazábel” de reverter a tendencia e a situación actual de peche de explotacións e de cultura da resignación.

PUBLICIDADE