As axudas Kit Consulting para a ciberseguridade centran un novo seminario da Cámara de Santiago

mércores, 13 de novembro do 2024 S. P.

A Cámara de Comercio Santiago achega o vindeiro 21 de novembro unha nova xornada de transformación empresarial, desta volta centrada na necesidade de protexer a información e as comunicacións: a xornada Axudas Kit Consulting, A chave para mellorar a ciberseguridade. Será a partir das 10.00 en formato de seminario en liña.
Nesta actividade, gratuíta e en liña, poderemos coñecer de preto o programa de Axudas Kit Consulting, un programa da entidade estatal Red.es que está a facilitar fondos ás empresas de entre 10 e 250 empregados para que melloren a súa competitividade con axuda da tecnoloxía.
Mercadotecnia, análise de datos e ciberseguridade son os conceptos básicos nos que se enfoca o programa. A sesión porá o foco nas medidas encadradas neste último bloque: a ciberseguridade. A axenda inclúe a presentación da Oficina Acelera Peme para o Kit Dixital e divulgación sobre os obxectivos e destinatarias das axudas de Kit Consulting (poñendo o foco na metodoloxía de uso) e sobre os bonos Kit Consulting asociados á ciberseguridade. Pechará cunha rolda de consultas.
Esta sesión será impartida por Ana Luque, responsábel de Desenvolvemento de Negocio en Cámara Certifica. Ana conta cunha experiencia de 18 anos no sector da auditoría de certificación, dos cales os últimos 7 tiveron unha importante vinculación ás áreas de innovación e de ciberseguridade en Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC). Esta xornada está organizada pola Oficina Acelera Peme para o Kit Dixital da Cámara de Comercio de Santiago de Compostela.