As axudas Starting Grant, máis preto do noso persoal investigador grazas a GAIN
luns, 8 de agosto do 2022
A
Xunta
de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación (GAIN), ofrece
un servizo de asistencia e formación ao persoal investigador para
lograr as Starting Grant 2023, as axudas do Consello Europeo de
Investigación (ERC) dotadas con 1,5 millóns de euros para financiar
carreiras investigadoras. Segundo informou a axendia que dirixe
Pattrica Argerey, estes apoios poden incluír un millón de euros
máis para cubrir os custos de start-up, a compra de
equipamento ou para realizar traballos de campo. A actual
convocatoria das ERC Starting Grant está aberta ata o vindeiro 25 de
outubro.
GAIN
ten activo un servizo de revisión e análise das propostas de
persoal investigador que desexe optar á convocatoria europea.
Trátase de formación e asesoramento personalizado para optimizar a
elaboración das propostas, de cara a cumprir do mellor xeito os
estándares de calidade das candidaturas. O persoal investigador
interesado en recibir o servizo de asesoramento deberá enviar o seu
currículo e a enquisa dispoñíbel na
páxina web da Axencia Galega de Innovación ao enderezo
oportunius.gain@xunta.gal. O prazo para achegar esta documentación
está aberto ata o próximo venres, 12 de agosto.
Este
soporte dirixido ao persoal investigador é unha das actividades do
Oportunius, orientado a incrementar a participación de Galicia nos
programas do Consello Europeo de Investigación (ERC).
O
programa Oportunius creouse no ano 2014 para atraer e reter en
Galicia talento investigador. É unha iniciativa promovida pola Xunta
de Galicia, a través da Axencia Galega de Innovación e da
Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e
Universidades. No programa participan o Sistema Universitario Galego
(SUG), o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e
as entidades de investigación galegas.
GAIN
explica que nestes intres, con 32 iniciativas, “Galicia é a quinta
comunidade en número de proxectos ERC así como en volume de
recursos captados, que ascende aos 47,4 millóns de euros”. Por
outra banda, 25 investigadores e investigadoras recoñecidos coas
axudas ERC traballan en Galicia. Ademais, a Universidade de Santiago
de Compostela (USC) ocupa a sexta posición na clasificación de
universidades españolas en número de persoal investigador ERC.
O
programa Oportunius tamén impulsa o emprego cualificado en Galicia.
A proba son os 165 postos de traballo creados en 2021 polo persoal
investigador titular de proxectos ERC.
Á
convocatoria de axudas Starting Grant da Unión Europea pode
acollerse o persoal investigador adscrito a calquera das institucións
de Galicia. Para iso, debe estar ao inicio da súa carreira.
Concretamente, os requisitos esixidos son ter entre 2 e 7 anos de
experiencia desde a finalización do doutoramento e contar cunha
excelente proposta de investigación en calquera ámbito temático. O
orzamento total destinado ás ERC Starting Grant 2023 ascende a 628
millóns de euros.