As axudas aos centros tecnolóxicos galegos increméntanse nun 23,6%

mércores, 31 de xullo do 2019 Redacción

As axudas para os contratos programa aos centros tecnolóxicos de Galicia, con vistas a fortalecer os seus proxectos, incrementaranse un 23,6%, o que se traduce nunha contía total de axudas de 8 millóns de euros. O obxectivo desta suba, segundo informou hoxe o conselleiro de Economía, é converter a nosa terra “nunha potencia científico-técnica”. Os datos foron dados por Conde nunha xuntanza que mantivo co presidente de ATIGA (a alianza da media ducia de centros tecnolóxicos referenciais galegos), Juan Manuel Vieites, na que avaliaron os esforzos conxuntos entre a Xunta e os centros tecnolóxicos para apoiar o ecosistema innovador de Galicia.
Na xuntanza, Conde debullou as novidades destes apoios da Axencia Galega de Innovación (GAIN) que van dirixidos aos principais centros tecnolóxicos de Galicia, ás fundacións sanitarias e oas centros do CSIC. Do global dos 8 millóns, un total de 5,4 M€ destinaranse ás axudas para os traballos de investigación tecnolóxica e os máis de 2 millóns restantes estarán dedicados a fundacións de investigación sanitaria.
As axudas serán por vez primeira plurianuais, “para garantir un horizonte de maior certeza económica aos centros que poderán solicitar un pagamento anticipado de ata o 75% para facilitarlles a inxección económica para os seus proxectos”, explicou o conselleiro, engadindo que o desafío que encaran estas subvencións é seguir promovendo a excelencia científico-técnica en Galicia, potenciando as principais liñas de investigación; impulsar a formación, captación e retención do talento das persoas que forman parte dos centros, mellorando a súa capacitación; promover o sector sanitario como un motor económico para Galicia; e situar nun lugar referente (e preferente) a investigación sanitaria realizada nestes centros en Europa.
Conde salientou que este vieiro de colaboración público-privada está a dar os seus froitos: dende 2009 creáronse 600 empregos ligados ao labor dos centros tecnolóxicos.

PUBLICIDADE