As axudas de 250.000 euros da Xunta ao sector editorial galego cubren as vertentes tecnolóxicas da publicación

venres, 7 de marzo do 2025 S. P.

O sector editorial galego está de en hora boa pois dende a Xunta de Galicia veñen de publicar unha orde de axudas dotada con 250.000 euros coa finalidade de promover a distribución das obras editadas e facilitar que cheguen ao público lector. Estamos perante unha proposta da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude con estes profesionais aos que destina, en total, máis de 3 millóns de euros no impulso do sector do libro e a lectura.
Dende o Diario Oficial de Galicia explícase que estas axudas van dirixidas á edición, distribución e comercialización das publicacións realizadas entre o 1 de outubro de 2024 e o 30 de setembro de 2025. Cada editorial poderá solicitar axudas para un máximo de 15 libros e o importe máximo adxudicado a cada unha delas non superará os 25.000 euros. Esta achega sufragará os gastos derivados de actividades como: tradución e corrección, revisión, maquetación, custes de preimpresión e dixitalización, accións de comercialización como campañas de mercadotecnia e de publicidade en diferentes medios e canles ou gastos de distribución.
Engadir que a esta convocatoria poderán presentarse desde o 12 de marzo ata o 11 de abril, que se pechará o prazo de solicitudes as empresas editoriais que desenvolvan a súa actividade en Galicia. Os libros obxecto de axuda deberán cumprir cunha serie de requisitos como estar editados en Galicia e comercializados a través de librarías ou doutras plataformas de distribución física ou dixital, contar cunha tiraxe mínima de 400 exemplares que, no caso das obras de poesía, teatro e ensaio, serán un mínimo de 200. Asemade, tamén terán que contar cun plan de distribución e comercialización en España ou fóra, ser a primeira edición dunha obra inédita ou ben dunha cuxa última edición na lingua que se propón publicar teña unha antigüidade de máis de 15 anos e posuír un mínimo de 60 páxinas por exemplar, agás os libros infantís, de teatro e de poesía.