As axudas do programa Investigo 2025 poden ser solicitadas até este martes 4

luns, 3 de marzo do 2025 S. P.

Este martes 4 de marzo remata o prazo para solicitar as axudas do programa Investigo 2025, impulsado pola Xunta, unha nova edición que vén con máis de 4,8 millóns de euros de orzamento para apoiar a contratación de menores de 30 anos no eido da investigación, a tecnoloxía e a innovación. O Goberno galego, ante o inminente peche do prazo, lembrou que por primeira vez, a iniciativa intégrase na nova Estratexia Mocidade Activa para impulsar as oportunidades laborais e reter o talento da xente nova, que (no caso Consellería de Emprego, Comercio e Emigración) estará dotada con 20 millóns de euros.
A previsión é “fomentar a contratación de máis de 200 persoas en función dos módulos salariais que se apliquen”, explicou a Xunta, engadindo que nesta edición resérvase 1 millón de euros do orzamento para as entidades privadas sen ánimo de lucro e personalidade xurídica propia que teñan como actividade principal a I+D+i.
Co programa Investigo, a Administración autonómica apoia a contratación de persoas mozas como investigadoras, tecnólogas, persoal técnico e outros perfís profesionais en I+D+i en empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), así como en calquera outra radicada en Galicia que desenvolva a súa actividade no eido da investigación, a tecnoloxía e a innovación.
As contratacións formalizaranse na modalidade de contrato indefinido a tempo completo, por un período máximo subvencionado de 12 meses. As persoas beneficiarias finais, de entre 16 e 30 anos, deben atoparse en situación de desemprego e estar inscritas como demandantes de emprego no momento de comezar a relación contractual.
En concreto, as achegas da Xunta permitirán financiar a contratación por conta allea das mozas e mozos e oscilarán entre os 22.405,92 e 33.108,84 euros por persoa segundo os módulos que se apliquen, cubrindo os custos laborais e salariais.
Canto aos eidos de traballo, as persoas contratadas levarán a cabo as súas actividades preferentemente en eidos como o da transición ecolóxica, economía verde (enerxías renovábeis, eficiencia enerxética, tratamento de augas e de residuos e industria agroalimentaria) e dixitalización de servizos, enxeñaría de datos e data science. As iniciativas poderán desenvolverse tamén en ocupacións referidas á sanidade e investigación. Cómpre engadir que entre os anos 2022 —cando se estreou o programa Investigo— e 2024, a Xunta destinou máis de 27 millóns de euros a este plan, cun total de 213 empresas beneficiarias que posibilitaron 863 contratacións de persoas mozas.