As axudas para a dixitalización das empresas turísticas oscilan entre os 300.000 euros e os 5 millóns

luns, 10 de xaneiro do 2022 S. P.

As empresas galegas turísticas teñen ao seu dispor importantes axudas para acometer a súa transformación tecnolóxica, abordando procesos de dixitalización tanto na súa actividade diaria como no que se refire aos seus produtos. Así o deu a coñecer este luns 10 de xaneiro o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, quen animou ao sector a participar na nova convocatoria de axudas á dixitalización do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Esta liña de axudas, que conta cun orzamento de 25 millóns de euros, forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno.
As axudas, que oscilan entre os 300.000 e os 5 millóns de euros, están destinadas a financiar proxectos de dixitalización en empresas do sector turístico, como aqueles relacionados coa Internet das cousas, a 5G, a xestión de datos a gran escala (Big Data), a ciberseguridade ou as aplicacións móbiles, co “obxectivo de mellorar os procesos de xestión das empresas na súa relación con clientes, na xestión dos seus beneficios ou, por exemplo, no seu posicionamento de marca”.
O delegado do Goberno puxo en relevancia que “a dixitalización do sector turístico é clave para seguir atraendo á nosa terra visitantes que cada vez están máis hiperconectados e buscan estadías de maior valor engadido”.
Esta convocatoria enmárcase no plan de modernización e competitividade do sector turístico que o Goberno está a financiar dentro do Plan de Recuperación. Tal e como explicou José Miñones, “a finalidade é contribuír a mellorar a competitividade do sector, e hoxe esta competitividade ten moito que ver con desenvolver novas capacidades dixitais que axuden ás empresas a atraer clientes e mellorar a súa experiencia”.
O prazo para poder solicitar estas axudas ficará aberto durante un mes a partir da publicación da convocatoria no Boletín Oficial do Estado.

PUBLICIDADE