As axudas para as e os demandantes de traballo, ao detalle no Blog de Emprego no Porto do Son

luns, 1 de marzo do 2021 S. P.

O Blog de Emprego do Concello de Porto do Son, unha das ferramentas fundamentais das que dispón a cidadanía local para atopar un posto de traballo e recursos que axuden a acadalo, vén de estrear novidades de cara a fortalecer (nestes tempos de pandemia e crise económica e sanitaria) o seu importante e urxente cometido. Segundo informou o Concello, as usuarias e usuarios xa dispoñen no blog de toda a información relativa ás distintas axudas da área de Emprego, en todas as súas formas, “tanto con carácter xeral como para algunha actividade en concreto”. O caderno en liña conta xa, polo tanto, cun apartado específico onde se dá acubillo a todas estas axudas.
Trátase dun recurso de especial relevancia non só para as traballadoras e traballadores, senón tamén para as persoas autómomas, as microempresas e as medianas e pequenas empresas.
O Blog de Emprego de Porto do Son é un servizo en liña permanentemente actualizado (renovándose cada pouco con novas ofertas e propostas) que ofrece información relativa ao concello pero tamén aos municipios da comarca do Barbanza, a xeito de taboleiro de anuncios en constante proceso de actualización. Tamén é unha ferramenta de primeira liña para achegar formación á cidadanía e, igualmente, para permitir ás entidades ofertantes de emprego (pemes, empresas) interesantes oportunidades de aumentar os seus equipos laborais.

PUBLICIDADE