As bandas sonoras nos videoxogos centrarán unha xornada do CCG este luns pola tarde

luns, 26 de xuño do 2023 S. P.

Música e videoxogos dende Galicia é o título da xornada que se celebra este luns 26 de xuño, ás 16:30 horas, na sede institucional do Consello da Cultura Galega (CCG). Nela, diversos expertos analizarán as composicións musicais que acompañan os videoxogos e como estas condicionan a experiencia das persoas durante o xogo. Ademais, profundarase nas bandas sonoras que se compoñen en Galicia coa finalidade de identificar os seus referentes, a existencia de influencias foráneas ou o emprego da lingua galega.
A actividade está organizada polo Arquivo Sonoro de Galicia do CCG e coordinada por Alejo Amoedo e Cristina Pujales. A sesión é presencial, pero poderase seguir en directo a través do web e as redes sociais corporativas.
Segundo explica o CCG poñéndonos en materia sobre o miolo da xornada, “nos últimos anos o sector dos videoxogos experimentou un notábel crecemento, o que o converteu nun dos vectores actuais da industria cultural, situado por riba doutros como o audiovisual”. Para o Consello, este tipo de xogos erixíronse xa non só “como un medio de comunicación, de expresión e de creación, senón tamén como unha importante ferramenta educativa”.
Nesta xornada analizarase cal é a función que cumpren as composicións musicais nos videoxogos. En especial, prestarase atención a aquelas compostas e empregadas dende Galicia e identificaranse nelas as influencias foráneas, os referentes galegos tradicionais e actuais ou o nivel de uso da lingua galega. Tamén se recoñecerán os principais intérpretes e compositores e compositoras galegos, ao tempo que se valorarán as oportunidades que existen para a creación musical propia nesta área en expansión.
O programa
Abrirá a cita Erea Carbajales, profesora do Conservatorio Superior de Música de Vigo (CSMV), que ofrecerá un percorrido pola historia da música nos videoxogos. A continuación, Galo Martínez, co-fundador da Fundación Museo do Videoxogo de Galicia e impulsor do proxecto Música e Videoxogos, pronunciará o relatorio Música e videoxogos. A arte en Galicia. Presentarán aos conferenciantes o profesor de Musicoloxía Julio Alonso e a musicóloga Beatriz Cancela, respectivamente.
Após as intervencións, Erea Carbajales moderará a mesa redonda Música e videoxogos en Galicia: novas perspectivas. Xunto con Galo Martínez, participará nela a compositora de música para videoxogos Inés Mirás.

PUBLICIDADE