As bibliotecas locais da Coruña cumpren 25 anos e festéxano tamén nas redes socias

xoves, 12 de maio do 2016 Redacción

A Rede de Bibliotecas Municipais do Concello da Coruña está de aniversario, conformada a día de hoxe por oito centros, xa van 25 anos dende a apertura ao público das Bibliotecas Municipais da Sagrada Familia (13 de maio), Infantil e Xuvenil, e de Estudos Locais (15 de maio). Emporiso, para festexar este 25 aniversario, mañá venres 13 de maio as e os usuarios poderán levar en préstamo “tantos libros, revistas ou CD como queiran”. Este servizo estará dispoñible en todas as bibliotecas da rede: Ágora, Castrillón, Estudos Locais, Fórum Metropolitano, Infantil e Xuvenil, Monte Alto, Os Rosales e Sagrada Familia. Alén deste préstamo ilimitado, a Biblioteca Infantil e Xuvenil, acollerá dende o venres 13 de maio ata o vindeiro 31 de decembro a mostra bibliográfica 25 anos de autores e lecturas especiais, unha escolma de obras escollidas polas e polos traballadores das bibliotecas. A selección estará acompañada dunha recomendación que compartirá o propio persoal nas redes sociais do servizo, e que pode consultarse en coruna.es/bibliotecas.
E seguindo no eido dixital, está prevista outra actividade encamiñada tamén a todas as usuarias e usuarios das bibliotecas, a través da iniciativa #BookFaceFriday, que consiste en combinar as imaxes de cubertas dos libros coa cara das e dos lectores. Todas as persoas que participen nesta acción levarán unha bolsa de tea e un marcapáxinas e, entre aquelas imaxes que consigan máis “Gústame” en Instagram, as bibliotecas sortearán tres lotes de libros. Esta integración nunha fotografía das portadas nun espazo real na que estean presentes as e os usuarios celebrarase os venres 13, 20 e 27 de maio.
A celebración destes 25 anos de vida da Rede de Bibliotecas Municipais do Concello da Coruña estará ateigada de eventos e actividades, como o espectáculo Manuel María con maxia e música, que terá lugar mañá dende as 19 horas na Biblioteca da Sagrada Familia. O centro da rúa Antonio Pereira vai celebrar hoxe ás 20 horas unha nova sesión do seu ciclo de música e literatura Os xoves na Sagrada, no que a cantautora mugardense Sofía Espiñeira presentará o seu primeiro disco, Alá onde agroman as herbas. Mañá terá lugar un acto institucional na Casa de Cultura Salvador de Madariaga, que contará coa presenza do alcalde, Xulio Ferreiro, e no que participará o Trío da Aula de Jazz da Escola Municipal de Música.
Engadir, por último que as bibliotecas seguirán coa celebración nas vindeiras semanas coa posta en marcha da exposición itinerante 25 anos de historia das bibliotecas.